Alba Garabal Barreiro (Santiago de Compostela, 2003) é unha central sólida e con proxección.
Formada no Belvís, deu o salto ao Victoria santiagués coa creación da sección feminina, antes de chegar ao Bergan. Destaca pola súa boa saída de balón, iniciando o xogo con criterio desde atrás. Defensivamente é contundente e moi fiable nos duelos. Sobresae tamén no xogo aéreo, achegando seguridade en ambas áreas. A súa velocidade e liderado permítelle cubrir ben as costas das compañeiras, sendo unha peza clave na defensa.
Como tomaches a decisión de fichar polo Bergan?
Pois polos meus horarios de clases facíaseme imposible ir adestrar a Santiago, e chamoume o Bergan, que me pareceu unha boa opción.
Como valoras o nivel competitivo desta categoría?
Respecto a como estaba, baixou considerablemente. Creo que non fixeron un bo traballo coa reestruturación da liga. Ter tantos fines de semana de parón, especialmente despois do Nadal, fixeron mella no ritmo dos equipos, e polo tanto, no nivel competitivo. Somos poucos equipos, doce, e seis deles estaban o ano pasado en Primeira Galega.
Tes algún referente no fútbol que te inspire?
A miña referente desde hai moitos anos é Vero Boquete, foi a primeira muller futbolista que coñecín, e inspírame a súa loita constante por abrir camiño as que veñen detrás.
Foto: Bergan FC




