Ao Baxi Ferrol escápaselle a vitoria nos últimos segundos

O Baxi Ferrol non logra sumar a segunda vitoria consecutiva da tempada e primeira en casa tras caer nos últimos segundos de partido por un axustado 63-64 ante o Lointek Gernika Bizkaia.

As de Lino López buscaban no Pavillón da Malata encadear un segundo triunfo consecutivo na liga Feminina Endesa no que supoñía o primeiro partido en casa da tempada, pero un Lointek Gernika Bizkaia que foi de menos a máis levou finalmente a vitoria tras remontar no último cuarto.

As ferrolás formaron o seu quinteto inicial con Ángela Mataix, Gala Mestres, Rachel Howard, Marianne Kalin e Myah Selland, mentres que as de Lucas Fernández formaron con Angie Bjorklund, Marie Milapie, Sara Madeira, Itziar Aritztimuño e Grace Berger.

Arrincou ben o conxunto de Lino, levando a iniciativa desde o primeiro momento e fiel ao estilo que sempre caracteriza ao Baxi Ferrol, metendo moito ritmo ao partido. As locais levaban unha boa dinámica ofensiva, con moito acerto para a canastra e en defensa mostrando moita solidez nos rebotes e presionando cada ataque rival. Deste xeito, o Baxi Ferrol dominou os dous primeiros cuartos. No primeiro, impuxéronse 14-10 e no segundo conseguiron ampliar a vantaxe para chegar ao descanso cun resultado de 35-22, o que supoñía +13 puntos de vantaxe.

Tras a volta de vestiarios e co marcador favorable, todo facía presaxiar que un bo cuarto das galegas podería sentenciar o partido, pero a realidade foi moi distinta. O Gernika saíu máis enchufado neste terceiro cuarto, ofrecendo máis batalla en ataque ante o desacerto do Baxi en tarefas ofensivas e deste xeito, as visitantes adxudicáronse esta batalla cun parcial de 10-13 que deixaba o resultado en 45-35.

No último cuarto, o Gernika foi superior ás locais. O conxunto de Lucas Fernández mostrou unha notable melloría en labores ofensivos, mentres que o Baxi atascouse durante varios minutos. Avanzaba o tempo e aos poucos todo se ía igualando, chegando a uns últimos minutos de moita emoción, con Gala Mestres botándose o equipo ás costas xunto a Rachel Howard, e Grace Berger facendo o propio para as súas. Nos últimos segundos, unha canastra de Berger daba a vantaxe por un punto ao Gernika. O Baxi dispoñía do último ataque e Claudia Soriano tentou entrar ata canastra, deixando unha bandexa que desafortunadamente para as locais non entrou, levándose a vitoria o Gernika cun axustado 63-64.

A xogadora local con maior valoración (14) foi Rachel Howard, ademais de ser a máxima anotadora do conxunto ferrolán con 15 puntos, mentres que Angie Bjorklund foi a xogadora visitante que máis anotou con 14 puntos e con maior valoración (19).

A pesar da derrota, as de Lino López realizaron un gran partido e demostraron que esta tempada van dar moita guerra, sendo un equipo moi difícil de bater. Na próxima xornada visitarán o Palau Municipal d’Esports para medirse ante o Cadí La Seu.

RESULTADO: Baxi Ferrol 63-64 Lointek Gernika Bizkaia

BAXI FERROL: Ángela Mataix (6), Gala Mestres (13), Rachel Howard (15), Marianne Kalin (0) e Myah Selland (6); Claudia Soriano (5), Julie Pospisilova (9), Marta Gómez (5), Jessica Féquière (3) e Anniina Aijanen (1).

LOINTEK GERNIKA BIZKAIA: Angie Bjorklund (14), Marie Milapie (9), Sara Madera (2), Itziar Aritztimuño (3) e Grace Berger (9); Gabriele Nikitinaite (7), Laia Flores (4), Sofía Gomes (4), Crystal Bradford (6) e Rosó Buch (6).

CUARTOS: 14-10, 35-22 (21-12), 45-35 (10-13) e 63-64 (18-29).

ÁRBITROS: Pol Franquesa Vázquez, Francisco González Cuervo e Imanol Diz Felipe. Sinalaron un total de 34 faltas, 21 do equipo local e 13 das visitantes.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á segunda xornada da Liga Endesa Feminina celebrado no pavillón de A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas