Ata nove deportistas do Club Sysca participaron no Campionato de España infantil e cadete

O equipo de Carballo consolídase entre os quince mellores do panorama nacional en ambas categorías.

O Club Sysca participou esta fin de semana no Campionato de España das categorías infantil e cadete, disputado na piscina municipal cuberta de Bétera, en Valencia. Belén Puñal, Ada Quintela, Nicolás Cerviño e Jaime Buño en infantís, e Clara Tasende, Laura Rodríguez, Teo Periscal, Leo Vega e Rodrigo Barca en cadetes, acompañados polo seu adestrador, Diego López, foron os encargados de representar ao conxunto carballés nesta cita nacional. En ambas categorías o Sysca rematou décimo cuarto na clasificación xeral.

A nivel individual, foron varios os socorristas que remataron entre os dez mellores en varias das probas disputadas. Foi o caso de Jaime Buño, quen rematou como sexto clasificado nos 50 metros remolque de maniquí infantil. Na súa mesma categoría, Nicolás Cerviño foi oitavo nos 100 metros remolque de maniquí con aletas e noveno nos 100 metros socorrista, mentres que Belén Puñal rematou os 100 metros remolque de maniquí con aletas en décimo lugar.

En canto aos cadetes, Clara Tasende e Rodrigo Barca acabaron na sétima posición nos 100 metros remolque de maniquí con aletas. Por equipos, o resultado máis destacado foi o sexto posto no relevo 4×50 socorrista mixto acadado en ambas categorías. Pola súa banda, o relevo cadete masculino tamén rematou oitavo no 4×50 obstáculos e noveno no 4×50 combinado.

Para estes deportistas desprazados ata a Comunidade Valenciana, esta competición supuxo a última da tempada de piscina, polo que xa comezarán a adestrar para os campionatos de praia. No que respecta ao club en xeral, ao Sysca aínda lle resta o Campionato de España de piscina xuvenil, júnior e absoluto, que se disputará en Castellón de la Plana do venres 17 ao domingo 19 de abril.

Info e foto: Sysca

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas