O club larachés asinou unha actuación destacada no VII Campionato de España de Primavera Infantil e Cadete de Piscina, celebrado en Bétera (Valencia), consolidándose como un dos clubes referentes do salvamento deportivo a nivel estatal.
A competición, organizada pola Real Federación Española de Salvamento y Socorrismo, reuniu a 293 socorristas de 36 clubs de toda España, confirmando o elevado nivel competitivo desta cita nacional.
UN EQUIPO FEMININO INFANTIL QUE SORPRENDE A ESPAÑA
Un dos grandes fitos do campionato foi a actuación do equipo infantil feminino, formado por Carmen Domínguez Fariña, Jimena Viturro Domato, Julia Bolón Collazo e Sabela Paulos García, que asinou unha actuación brillante e situouse entre os mellores equipos de España.
O equipo acadou:
- Campioas de España no relevo 4×50 metros natación con aletas infantil feminina.
- Medalla de bronce no relevo 4×50 metros combinado infantil feminina.
- 3ª posición na clasificación xeral de infantil feminina.
Cómpre salientar que o club fíxose cun lugar entre os tres mellores equipos do país na categoría feminina infantil, un recoñecemento avalado pola propia clasificación oficial da federación.
DOBRE RÉCORD GALEGO: UN FITO HISTÓRICO
O campionato deixou ademais un resultado de enorme relevancia para o salvamento galego, coa consecución de dous novos récords autonómicos:
- 4×50 relevo obstáculos: de 1:30.45 a 1:30.06
- 4×50 relevo con aletas: de 1:51.39 a 1:48.61
Especialmente significativo é o primeiro deles, xa que o récord de obstáculos permanecía vixente en Galicia dende máis de dez anos.
RESULTADOS INDIVIDUAIS DESTACADOS
A nivel individual, varios deportistas do club lograron situarse entre os mellores de España, destacando especialmente:
- Hugo Ferreño Varela, medalla de bronce en 100 metros remolque de maniquí con aletas na categoría cadete.
- Julia Bolón Collazo, Sabela Paulos García, Jimena Viturro Domato, Joel Landeira Suárez, Simón Caamaño Verdía, Julia Insua Rico e Manuel Liñares Vilariño acadaron posicións destacadas no Top 20 nacional en distintas probas individuais e de relevos, xunto a Carmen Domínguez Fariña e Borja Blanco López, que participaron co seu compromiso e esforzo en múltiples probas, contribuíndo ao rendemento global do equipo.
RESULTADOS GLOBAIS DO CLUB
A nivel xeral, o SAL acadou resultados de gran relevancia nas distintas categorías:
- 3ª posición en Infantil Feminino
- 8ª posición en Cadete Masculino
- 18ª posición en Infantil Masculino
- 25ª posición en Cadete Feminino
- Na clasificación xeral, o club situouse na 5ª posición en categoría Infantil e na 16ª en categoría Cadete, consolidando a súa presenza entre os mellores clubs de España.
UNHA EXPERIENCIA DEPORTIVA E HUMANA
A expedición do club estivo formada por dez deportistas: Borja Blanco López, Carmen Domínguez Fariña, Hugo Ferreño Varela, Jimena Viturro Domato, Joel Landeira Suárez, Julia Bolón Collazo, Julia Insua Rico, Manuel Liñares Vilariño, Sabela Paulos García e Simón Caamaño Verdía.
Máis alá dos resultados, a participación en Bétera supuxo unha experiencia moi enriquecedora tamén no plano persoal. O desprazamento realizouse en tren, apostando por un modelo de mobilidade máis sostible e permitindo, ademais, compartir unha viaxe distendida con outro equipo galego, favorecendo a convivencia e o compañeirismo.
APOIO INSTITUCIONAL CLAVE
Desde o club quérese destacar o apoio fundamental das institucións que fan posible este tipo de participación como son a Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e ao Concello da Laracha.
O seu respaldo permite aos deportistas seguir medrando, adquirindo experiencia e aspirando a metas cada vez máis ambiciosas.
UN CLUB QUE MARCA O CAMIÑO
Os resultados acadados en Bétera confirman a evolución do Club SAL, que non só compite ao máximo nivel, senón que se reafirma como un dos clubs de referencia do salvamento deportivo galego, demostrando que o traballo, o esforzo e a constancia permiten acadar cotas que hoxe xa son unha realidade.
Info e foto: SAL




