AUTOCROSS ARTEIXO: Unha gran festa polo XXV aniversario

Non todos os anos se cumpre un cuarto de século. Sabíao a Real Federación Española de Automobilismo e, por iso, quixo premiar ao circuíto José Ramón Losada de Arteixo coa celebración alí do Campionato de España de Autocross CEAX 2021, que se tivera que aprazar pola pandemia o ano pasado.

A proba, que reuniu a máis de 140 pilotos na ‘Catedral’(cifra máis alta das cinco citas do CEAX celebradas este ano), levouse a cabo entre o 6 e o 8 de agosto cunhas condicións climatolóxicas inmellorables para os espectadores. Ademais, viviuse durante toda a fin de semana un ambiente de homenaxe e agradecemento, por parte da Peña Autocross de Arteixo, a todos os que fixeron posible o crecemento deste deporte na bisbarra de Bergantiños. O fixeron por exemplo a través de xestos como a entrega dunha placa a Nena, viúva de Rodrigo Vasconcelos, un fotógrafo e promotor portugués que sempre colaboraba coa cita e que falecía o ano pasado.

No que respecta ao ámbito deportivo, foron unhas xornadas vibrantes nas que o protagonista da tarde e o máis ovacionado polo público foi, por suposto, o piloto carballés Beto Lorenzo (Razo, 2000), que logrou impoñerse na categoría de Car Cross Promoción dominando dende o comezo unha carreira na que Gabriel Durán e Roberto de Miguel conseguiron as outras dúas prazas do podio. “Unha vitoria moi importante e especial por ser a catedral do autocross e por gañar diante de todos meus amigos e patrocinadores”, recoñecía o emocionado gañador tras unha carreira que el mesmo consideraba “cómoda debido ao risco que tomamos na saída”.

Outro dos grandes protagonistas da fin de semana estivo na División 1 e foi Víctor Álvarez tras impoñerse nas tres mangas e na carreira final, onde unha gran saída lle propiciaba o seu cuarto título en Arteixo. Segundo foi Tomás Aranda e terceiro, o piloto con máis participacións esta tempada, Perfecto Calviño que pese a saír dende a terceira fila por unha avaría de motor, logrou unha épica remontada.

Na División 2, onde se chegou ao máximo de 30 coches permitido polo regulamento, foi Roberto Martínez o vencedor. Unha vitoria, que a efectos de puntuación foi para Cristian Escribano, un dos mellores no global da fin de semana, e que non arriscou a súa segunda praza sendo coñecedor da licencia restrinxida de Roberto. O podio o completou Dani Castro nunha categoría na que a mala sorte se cebou co campión local de España, Gabriel Serrano, que tivo que abandonar na primeira volta.

Unha das imaxes máis curiosas do campionato viviuse na División 3, onde tras ser moi superior durante toda a carreira final, Carlos Hernando se quedaba sen freos e estaba a piques de perder o título fronte a Joan Enric de Maria. Non obstante, se hai que quedarse cunha final disputada, esa foi a de Car Cross Júnior onde, pese a ter un accidente na primeira volta, o favorito Josep Aranda lograba remontar e quedar terceiro, so por detrás de Diego Martínez e dun gran Pol Durán.

Na proba sénior, a vitoria si quedou en Galicia grazas a Iván Ares, que chegaba a línea de meta por diante de Antón Muíños e Pepe Arqué para adxudicarse a súa quinta vitoria na ‘Catedral’.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas