BERGANTIÑOS FC: O histórico Manoliño, galardoado

Manoliño, galardoado na Gala Anual da Delegación de Árbitros da Coruña co Premio Roberto Campos e recoñecido por todos os equipos do club.

Manuel Facal Anido, “Manoliño”, o encargado das instalacións do complexo As Eiroas, de Carballo, desde hai 27 anos, foi galardoado pola Delegación de Árbitros da Coruña co Premio Roberto Campos.

Manoliño é unha figura emblemática nas instalacións carballesas, nas que recibe a todos cun sorriso e entre eles está o colectivo arbitral, ao que sempre dá un total e desinteresado apoio para todo o que necesiten, e así tempada tras tempada. Agora, o colectivo de colexiados premiou este labor de Manoliño cun premio como colaborador do estamento arbitral. Na gala, a ovación dos colexiados, máis de 150 presentes, foi moi significativa e demostra o agarimo que profesan á súa figura. Se algo ten Manoliño esa achega que sempre realiza e que o tempo non impide que siga como foi nos seus inicios: educación, amabilidade, eficacia e ese don de xentes que sempre vai tras de si.

Manuel Facal Anido tivo ese recoñecemento máis que xusto por parte dun estamento que sempre imparte xustiza e con este acto demostra a súa independencia e talante. Despois desa xornada, o 16 de setembro, que quedará no recordo de Manoliño, os equipos do Bergantiños FC foron demostrando o seu aprecio en cada partido que foron disputando en As Eiroas: corredor de honra, saque do encontro ou fotografía con todos eles.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas