O conxunto carballés regresa á Segunda División 32 anos despois ao conseguir un ascenso histórico nunha tempada memorable
Bergantiños FC cumpriu o seu obxectivo de ascender á Segunda División da RFEF despois dunha tempada 2020-2021 na que disputou 28 partidos, que se desenvolveron en dúas fases. Na primeira ocupando a primeira posición do grupo norte, e na segunda asegurando o ascenso a falta dunha xornada e loitando polo título no último encontro no campo Espiñedo fronte ao CD Arenteio (1-0).
Desta forma, o equipo dirixido por José Luis Lemos e presidido por Luciano Calvo Pumpido regresa á Segunda División 32 anos despois, debido a que nesa categoría estivo dúas campañas, na 1987-1988 e na 1988-1989.
O conxunto carballés asumiu desde o primeiro momento a bitola de favorito e todos os seus xogadores, cadro técnico, xunta directiva e afección demostrárono ao longo da campaña, nunha competición que agradou a todos, polo fútbol practicado, pola marcha realizada e, finalmente, polo obxectivo cumprido. Tal vez faltou a guinda do título, que o chegou a acariñar en varios momentos e que sempre loitou por el ata o último suspiro da liga.
A primeira parte da competición do Bergantiños FC foi esplendida. E os números así o testemuñan ao gañar 14 partidos, empatar 6 e perder 2. Ademais de anotar 37 goles e encaixar 16. A segunda fase, que neste caso era do ascenso, disputárona os tres primeiros de cada grupo e nela non se enfrontaban aos equipos do mesmo grupo e valía a puntuación lograda ata ese momento. De tal forma, que o Begantiños e o Areinteiro perfilábanse como claros favoritos para ocupar as dúas prazas de ascenso, como así ocorreu finalmente. Nesta parte do campionato, o conxunto caballés venceu en tres encontros (Alondras CF, 3-2; CD Arenteiro, 3-2, e Arousa SC, 2-1) e perdeu outros tres (Arousa SC, 3-1; Alondras CF, 2-1, e CD Arenteiro, 1-0). Aínda que a tempada non se puido finalizar, xa que están por disputar dous encontros da última xornada entre o Arousa SC – UD Somozas e o Alondras CF – Polvoreira FC, por motivos do COVID-19. Esos marcadores poderán cambiar varios os postos na clasificación, menos os dous primeiros.
Agora, a directiva comezou a programar a próxima tempada, na que o presidente, Luciano Calvo, espera seguir con José Luis Lemos no banco e desde ese momento comezará construírse o que será o próximo proxecto, no que se ten posta moita ilusión, aínda que se quere estar, en todo momento, cos pés no chan e planificando todo como se fixo na campaña transcorrida.