BILLARDA: 9ª xornada

O domingo 13 de febreiro disputouse a novena xornada da liga Atlántica de Billarda Conferencia Noroeste.

A choiva ameazaba con converterse en protagonista do día en Oleiros e non defraudou, impedindo que a xornada se puidese disputar ao descuberto, polo que finalmente tivo lugar baixo a cuberta do Parque dos Regos e sobre a pista de cemento de 40 metros.

Os resultados da xornada foron os seguintes:

CATEGORÍA ABSOLUTA: Óscar Ponte do Campo da Feira de Paiosaco proclamouse o vencedor da novena xornada, seguido polo seu compañeiro de equipo, Xosé Collazo e no terceiro posto Xosé Cotelo da APB A Laracha.

CATEGORÍA FEMININA: O primeiro posto foi para Marisa da Lúa de Forza de Sanxenxo, mentres que Silvia, do Cochiqueiros de Cerceda, logrou a segunda posición e Aurelia, do Campo da Feira, o terceiro posto.

CATEGORÍA INFANTIL: De novo o conxunto Campo da Feira tivo o protagonismo ao vencer Abel Ponte. Valentín, do equipo Filloas de Sangue da Coruña, foi o segundo clasificado, mentres que Guillermo, tamén do Filloas de Sangue, foi terceiro.

CATEGORÍA EQUIPOS: O vencedor da xornada foi Campo da Feira, con Filloas de Sangue na segunda posición e APB no terceiro posto.

Mostráronse agradecementos ao Concello de Oleiros pola colaboración coa Federación Galega de Deporte Autóctono pola cesión da pista cuberta do Parque dos Regos, así como pola entrega dos trofeos da xornada por parte da concelleira de Deportes, Teresa Vázquez.

A Torre, na Coruña, será o escenario elixido para disputar a décima xornada, que terá lugar o 13 de marzo.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas