A volta «O Gran Camiño» anticipa unha tempada de grandes citas co ciclismo no concello de Carballo.
A volta ciclista O Gran Camiño pasará este venres 25 de febreiro por Carballo, onde se disputará unha meta volante da etapa Costa da Morte: Bertamiráns-O Ézaro. O paso do pelotón pola vila está previsto de 12:23 a 12:38 horas, co seguinte percorrido: avenida de Fisterra, rúas Alexandre Bóveda, Luis Calvo (onde estará situada a meta volante), Poñente, Fábrica e avenida de Malpica.
Ademais de achegarte para animar aos deportistas podes conseguir un maillot oficial da proba. Como? É moi doado. Só terás que facer unha foto ao paso do pelotón e compartila en Instagram co cancelo #ograncamiñocarballo, ademais de etiquetar a conta do Concello de Carballo @carballomola. Lembra que o teu perfil debe ser público para que o Concello poida ver a foto, e que debes compartila o mesmo venres 25. Entre todas as persoas participantes, o Concello sorteará dous maillots.
O Gran Camiño anticipa unha tempada de grandes citas co ciclismo no concello de Carballo, onde conta con varias entidades que promocionan a práctica deste deporte. A principal novidade do 2022 será a Ultramaratón Costa da Morte, organizada polo Club Ciclista Monteneme e o Concello de Carballo, que forma parte da Copa de España de BTT XC Ultramaratón, e que se disputará o 18 de xuño coa participación de ciclistas de todo o territorio nacional.
Aquí tes un avance do calendario:
- 21 de maio. Trofeo Concello de Carballo 2022. Club Ciclista Carballo.
- 18 de xuño. Ultramaratón Costa da Morte. Club Ciclista Monteneme.
- 26-28 agosto. IV Challenge Júnior Carballo. Club Ciclista Carballo.
- 27 agosto. Trofeo Júnior Carballo. Club Ciclista Carballo.
- 2 de outubro. XIX Marcha Costa da Morte. Club Ciclista Monteneme.
Información e imaxe: Concello de Carballo