Carballo participa nos Xogos do Eixo Atlántico cunha delegación de 60 mozos e mozas deportistas

O Concello de Carballo volve amosar o gran potencial da súa canteira deportiva coa participación nos Xogos do Eixo Atlántico, que nesta ocasión teñen a súa sede en Santiago de Compostela.

Cun total de 60 atletas en idade infantil, a expedición carballesa viaxa co firme obxectivo de competir ao máximo nivel e, sobre todo, de compartir os valores de respecto, igualdade e cooperación que caracterizan este evento internacional, que reúne a centos de mozos e mozas de Galicia e do Norte de Portugal.

​A delegación local está acompañada ao longo desta semana por unha representación institucional e técnica encabezada polo concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, e polo técnico municipal de Deportes, Manolo Bardanca. Ambos están a seguir de preto o desenvolvemento das probas e a prestar todo o apoio loxístico e técnico necesario aos mozos e mozas.

​Daniel Barreiro salientou «o orgullo que supón para Carballo contar cunha representación tan ampla e diversa, que reflicte o excelente traballo que se realiza a diario no deporte base e a vitalidade dos nosos clubs e escolas deportivas». Pola súa banda, Manolo Bardanca destacou o gran ambiente de compañeirismo e a ilusión cos que os mozos e mozas afrontan cada xornada.

​O groso da representación carballesa na competición repártese entre catro grandes disciplinas, que suman un total de 45 xogadores e xogadoras nos deportes de equipo e 15 promesas nas modalidades individuais:

  • Balonmán infantil: Cun total de 33 participantes: 17 xogadoras e 16 xogadores.
  • ​Baloncesto infantil: Representado por un conxunto masculino de 12 xogadores.
  • ​Atletismo: Un equipo de 7 atletas na categoría masculina.
  • Natación: Un grupo de 8 nadadores (6 na categoría masculina e 2 na feminina).

​Dende o Concello facemos un balance moi positivo da experiencia. «A participación nestes Xogos non só serve para medir o gran nivel técnico do deporte local, senón tamén para que os mozos e mozas tezan lazos de amizade coa mocidade de decenas de municipios das dúas beiras do Miño, reforzando a súa formación humana máis alá dos resultados no marcador», destaca Daniel Barreiro.

Os Xogos do Eixo Atlántico rematan hoxe, tras cinco intensas xornadas de competición e éxitos deportivos en varias disciplinas: de momento, 4 ouros e 1 prata en natación e atletismo. O luns celebrarémolos con toda a expedición na recepción que lles ofrecerá o alcalde, Daniel Pérez, ás 12.00 h no salón de plenos.

Info e foto: Concello de Carballo

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas