O equipo carballés regresou da última competición de piscina da tempada con varias medallas.
O Club Sysca participou esta fin de semana no Campionato de España da categoría máster, disputado na piscina municipal de Parquesol, en Valladolid. O conxunto de Carballo contou coa participación dun total de catro deportistas: Sandra Puga, África Albertí, Elena Alcoba e María del Carmen de Mas. Na clasificación xeral, o Sysca finalizou na vixésima posición e fíxoo sendo o segundo mellor club galego, a tan só sete puntos do Club Acuático Umia.
A nivel individual, cómpre destacar a gran actuación de María del Carmen de Mas, que, na categoría +75 anos, acadou un total de 4 ouros, que chegaron nos 100 metros socorrista, 100 metros remolque de maniquí con aletas, 50 metros remolque de maniquí e 100 metros obstáculos. Ademais, na proba de 100 metros socorrista fixou un novo récord de España. Pola súa banda, Elena Alcoba colgouse a prata nos 50 metros remolque de maniquí, no seu caso na categoría 55-59 anos.
Con todo, ao igual que na edición anterior, os resultados máis sobranceiros chegaron nas probas por relevos. Na categoría +230 anos (sumando a idade das catro relevistas), o equipo formado por Sandra Puga, África Albertí, Elena Alcoba e María del Carmen de Mas subiu ao máis alto do podio nos tres relevos disputados: 4×50 obstáculos, 4×25 remolque de maniquí e 4×50 combinado. Non só levaron o ouro, senón que tamén estableceron unha nova marca nacional en cada unha desas tres probas. África Albertí e Sandra Puga, na categoría 50-54 anos, tamén sumaron unha prata na proba de lanzamento de corda.
Tras a disputa desta competición, os deportistas máster do Club Sysca puxeron punto e final á tempada de piscina 2025/26. Porén, a actividade non cesa para o equipo carballés, xa que algúns dos seus deportistas infantís e cadetes competirán tanto o sábado 28 como o domingo 29 de marzo na Piscina Municipal Cuberta de Bétera, en Valencia, no Campionato de España destas categorías.
Info e foto: Sysca




