O Sysca consolídase como o mellor club galego na categoría xuvenil

Os cadetes do equipo carballés tamén tiveron unha boa actuación na competición celebrada en Caldas de Reis e proclamáronse subcampións autonómicos.

O Club Sysca coroouse como o mellor equipo xuvenil de Galicia no campionato galego das categorías cadete e xuvenil, que se disputou na piscina Antía García Silva, en Caldas de Reis, tanto o sábado pola tarde como o domingo durante toda a xornada.

Pola súa banda, os cadetes carballeses tamén subiron ao podio na clasificación xeral e lograron unha meritoria segunda posición. O Sysca estivo representado por un total de 26 deportistas, 19 cadetes e 7 xuvenís, acompañados polo seu adestrador, Diego López.

En canto aos cadetes, a nivel individual un dos máis destacados foi Rodrigo Barca, que se colgou dous ouros, en 50 metros remolque de maniquí e 100 metros combinada, e un bronce, en 100 metros remolque de maniquí con aletas, mesma proba na que Clara Tasende logrou a medalla de prata. Tamén subiron ao podio Laura Rodríguez e Teo Periscal, xa que ambos se fixeron co bronce nos 200 metros supersocorrista nas súas respectivas categorías. Pola súa parte, nesta proba tamén tivo opcións de medalla Leo Vega, que finalizou na cuarta posición.

Por equipos, as dúas remudas carballesas, feminina e masculina, finalizaron o campionato sendo prata no 4×50 obstáculos e 4×50 natación con aletas. Ademais, os rapaces tamén foron segundos no 4×50 combinado, mentres que as rapazas tiveron que conformarse con ser cuartas. No que respecta á remuda 4×50 socorrista mixto, os cadetes do Sysca fixéronse coa medalla de prata.

Na categoría xuvenil, Marta Eirís proclamouse campioa galega en tres das probas disputadas, que foron 100 metros remolque de maniquí con aletas, 50 metros remolque de maniquí e 100 metros combinada, ao que engadiu unha prata nos 100 metros socorrista. Nesta última proba venceu Noa Rodríguez, quen, ademais de levar o ouro, estableceu un novo récord galego. Tamén foi prata nos 50 metros remolque de maniquí e 100 combinada. En canto aos rapaces, Mateo Castelo logrou a prata nos 200 supersocorrista e Mateo Cerviño rematou entre os cinco mellores en 100 metros remolque de maniquí con aletas e 200 metros supersocorrista.

Nas probas de remudas, o conxunto xuvenil feminino fíxose co ouro tanto no 4×50 obstáculos como no 4×25 remolque de maniquí, mentres que o masculino foi primeiro no 4×25 remolque de maniquí e acabou segundo no 4×50 obstáculos e 4×50 combinado. Na remuda 4×50 socorrista mixto, os carballeses tiveron dobre premio, xa que levaron o ouro e fixaron unha nova plusmarca autonómica.

Finalizada a competición de cadetes e xuvenís, o Club Sysca xa afronta outra cita importante esta mesma fin de semana. Será o campionato galego júnior e absoluto, que se celebrará o sábado 14 e o domingo 15 de marzo na piscina Rosario Dueñas, en Ourense. Os carballeses aspiran a converterse en campións autonómicos por quinta edición consecutiva.

Info e foto: Sysca

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas