Roland Caamaño Domínguez (Dumbría, 1990) é o temoneiro que todo navío futbolístico necesita.
Traballador, amante do bo fútbol dominando o xogo coa posesión e capaz de transmitir equilibrio aos seus equipo. Comezou a súa carreira nos bancos da man do Castrelo na Terceira Autonómica na tempada 2014/15, para recalar ao ano seguinte como segundo de Manolito Leis no Soneira, acadando o ascenso a Preferente como campións de liga e subcampións da Copa da Costa. Regresou ao Castrelo, quedando ás portas da promoción á Liga da Costa, e na 2017/18 volveu ao Soneira como segundo de Rafa Suárez, debutando como primeiro adestrador no mítico Manuel Ángel Cortizo tras o cesamento de Rafa. Desde 2018 a 2024 fixo un parón, ata que recibiu a chamada do Soneira para dirixir ao feminino, logrando na súa segunda campaña a liga e o ascenso á Segunda Galega.
Como naceu a paixón de Roland por adestrar?
Pois o fútbol gustoume desde ben pequeno. Ía todos os domingos co meu avó a ver os partidos polo antigo Canal Plus, e aí foi medrando esa paixón. Despois xoguei ao fútbol sala e tamén ao fútbol once, como porteiro ata a etapa xuvenil. Creo que ver o xogo desde atrás axuda moito a entendelo mellor. Máis adiante, por amizade, fun estando preto do día a día de diferentes equipos, ata que din o salto como adestrador do Castrelo en dúas etapas e ao Soneira como segundo de Manolito. Alí vivimos momentos moi especiais, como o ascenso a Preferente e o subcampionato da Copa da Costa, do que xa fai dez anos.
Que te motivou a querer dirixir ao conxunto feminino do Soneira?
Levaba un par de anos desconectado do fútbol. Recibira algunha proposta, pero ningunha chegara a concretarse. Ata que apareceu a chamada do Soneira, explicándome o novo proxecto da sección feminina, e algo se acendeu en min. Era un reto ilusionante e volveron as ganas de adestrar. Ademais, como na casa en ningún lado, e no Soneira o día a día son todo facilidades, así que a decisión foi moi doada de tomar.
Que significa este ascenso e título para o Soneira e para a comarca?
Creo que nin nós mesmas somos aínda conscientes do que conseguimos. Para un club cunha sección feminina tan nova, este logro é moi importante. Seguro que se vai notar na afluencia aos campos e tamén no número de nenas que queren comezar a xogar ao fútbol, e facelo no Soneira. Pode ser un impulso moi grande para o fútbol feminino na comarca de Vimianzo.
Que virtudes cres que definen a este grupo de xogadoras?
É un grupo incrible. Se teño que destacar algo, sería o compromiso, a unión e a capacidade de sacrificio. É moi doado traballar con elas: sempre están atentas ás explicacións e teñen unha actitude moi boa cara aos adestramentos. Iso, ao final, marca moito a diferenza.
O equipo marca moito e encaixa pouco. Como lograches ese equilibrio?
Está claro que non é produto da casualidade. Hai moitas horas de traballo detrás, tanto de Oli como miñas. Intentamos que o equipo tivese equilibrio entre estrutura, talento e disciplina colectiva. Pensamos que a mellor maneira de conseguilo era ter o balón e, a partir de aí, controlar o ritmo dos partidos. Houbo días nos que o conseguimos máis e outros menos, porque os rivais tamén xogan, pero esa foi sempre a nosa idea.
Cal será a clave para manter a competitividade na nova categoría?
Subir é difícil, pero manterse aínda máis. O primeiro será intentar manter o bloque de xogadoras, que é fundamental. Despois, traballar moi duro na pretemporada para adaptarnos canto antes ao novo ritmo de competición, evitando comezar a remolque. Iso si, intentaremos non perder a nosa identidade nin o que nos fixo lograr o ascenso.
Foto: fotoschimpi




