Danel de Vries – Loureiro (Sudáfrica, 1988), nai de dúas nenas, pode considerarse a día de hoxe unha prometedora atleta tardía.
Danel, orixinaria dunha pequena cidade mineira chamada Carolina no altiplano surafricano creceu no seo dunha familia onde o coidado da nutrición, a vida outdoor e o deporte eran parte do seu estilo de vida. Ata a súa maioría de idade foi moi activa en diversos deportes como atletismo de pista, tenis, netball e campo a través.
En 2009, con 21 anos, amor, estudos e traballo trouxérona á Costa da Morte (Cee), onde se namorou tanto do lugar como da súa xente, o que a levou a establecerse de maneira permanente, pero isto tamén carrexou pasar varios anos sen practicar ningún deporte, xa que todo o seu tempo foi dedicado ao seu traballo como profesora de inglés e un negocio de submarinismo en Cee.
Con todo, en 2015 a súa vida deu un xiro dramático coa perda en maio da súa nai debido ao cancro, e o seu pai, 40 días despois nun accidente laboral. Adicionalmente, debido ao traballo do seu marido tivo que mudarse de volta a Sudáfrica tendo que dicir adeus a todos os seus estudantes e pechar a empresa que tanto lle custou levantar.
Durante dous anos caeu nunha profunda depresión. Un bo amigo, Colin, ao que estará eternamente agradecida, arrastrounos a finais de 2016 á que sería a súa primeira OCR (Obstacle Course Race ou Carreiras de obstáculos), o que acendeu unha faísca nela, e quixo máis. Desde entón empezou a adestrar a diario, mesmo durante o embarazo da súa primeira filla en 2017, facendo a súa segunda OCR xusto un ano despois, só dous meses despois de ser nai. 2018 e 2019 foron dun rápido ascenso, converténdose en embaixadora da marca Spartan en Sudáfrica, conquistando múltiples podios en OCR e Trail a nivel local e conquistando un terceiro posto en MEA (Middle East and África) Champs en Dubái e un quinto no Trifecta World Champs en Grecia, mentres aínda daba o peito á súa filla.
Lamentablemente, a finais de 2019 no mundial lesiónase de gravidade no xeonllo dereito, o que a marcaría. Mentres se recuperaba, chegou o Covid, polo que decidiron ter a súa segunda filla e entre tanto o seu marido enfermou de gravidade, polo que unha vez naceu, retornaron á súa querida Costa da Morte (Corcubión) a mediados de 2021.
Outra vez obstáculos, e outra vez grazas a este deporte que tanto adora polo profundo significado que ten para ela, en 2022 volve superar outra depresión.
Desde entón e baixo a supervisión deportiva de Damián Espasandín (ConcoBox/Dafit Cee) e nutricional de David Rodríguez (Mr. Nutrición Carballo), e cos seus compañeiros de entrenos de Crossfit Arteixo, Tempo Laracha e Running Arteixo, estivo traballando no retorno á súa mellor forma física, competindo de novo desde mediados de 2023 e destacando tanto a nivel autonómico como nacional en 2024.
Foto: Danel