Hai paixóns que non se explican, porque se levan no sanque. Escudos que non se elixen, porque forman parte dun desde o berce, entre días de fútbol, gradas e historias familiares. A de Cristóbal López Caneiro (A Barqueira, 1988) co Cebarca é unha desas historias que transcenden o terreo de xogo.
Fillo e familiar de figuras importantes na vida do club, medrou vendo xogar aos seus, especialmente ao seu pai e aos seus primos, mentres o amor por unhas cores ía botando raíces. O seu tío adestrou ao equipo de modestos na histórica conquista do título de Segunda Rexional, e o seu pai acabaría asumindo tamén a presidencia. O destino, dalgún xeito, estaba escrito.
Cristóbal comezou nos alevíns, xogando ao fútbol-7 cando non había, por así dicilo, liga de carácter oficial. Continuou a súa formación nos cadetes e pasou unha tempada xuvenil no Meirás antes de regresar ao club da súa vida para competir nos modestos. Un percorrido marcado pola fidelidade a unha camiseta que sempre sentiu como propia. Agora, no seu segundo ano como presidente, tócalle liderar desde os despachos o equipo que o viu medrar. Porque o Cebarca non é só fútbol nin só un club, para Cristóbal é familia, memoria e orgullo. É a súa vida.
O Cebarca cumpre 50 anos. Que significa para ti formar parte deste momento histórico?
Pois para min, ser parte desta familia no 50 aniversario significa moito. Significa que esta familia que empezou a formar xente hai 50 anos, desinteresadamente, e poñendo moito esforzo e traballo, segue funcionando e segue en pé grazas a tanta xente que arrimou o ombro e segue arrimando día a día ata o día de hoxe. Eu, ao final, só son unha firma, por dicilo dalgunha maneira. Aquí hai unha directiva que traballa moito durante todo o ano para que isto non morra e siga adiante, non é cousa dunha persoa soa, hai moita xente traballando nesta familia, poñendo ganas, ilusión e tempo, por iso cumprimos 50 anos, por todo o compromiso e traballo que fai esta directiva, e todas as anteriores.
Que cres que cambiou máis no club desde os seus inicios ata a actualidade?
Pois creo que foi cambiando, adaptándose aos tempos, mirando e mellorando as instalacións, do campo e sobre todo da xente, que iso é o aceno de identidade deste club. Calquera xogador que pasara por aquí, querería volver, porque é un club humilde, moi próximo e unido, e iso creo que é o que fai que leve 50 anos, facer un pequena familia.
Cal foi o maior reto ao que te enfrontaches desde que estás á fronte da entidade?
Pois o maior reto é estar á altura deste club, e responder ás necesidades que necesitan os compañeiros da directiva e os xogadores, non hai un reto en concreto, e o día a día, poder axudar e botarlle unha man a todos eles no que medianamente poida.
Como se traballa para manter vivo o sentimento de pertenza e conseguir que a xente siga apoiando o equipo?
Pois aquí a verdade e que é moi fácil traballar cando todos os que estamos traballando nesta familia, vamos todos na mesma dirección. Cada un, pois, ten un traballo, por así dicilo, pero despois todos axudamos no que podemos, porque tamén, por motivos laborais, uns teñen máis dispoñibilidades que outros, e tamén familia, pero aquí todos axudamos e nos entendemos moi ben. E tamén coa xente que pertenceu a este club toda a vida, a verdade que é un luxo poder traballar con xente que sinte este club como a casa. Eu ao final levo dous anos como presidente, pero esta xente leva anos traballando moi duro para que se cumpran os 50 anos. Quero tamén acordarme da xente que xa non está con nós e que traballou arreo por este club. Un dos que máis recente foise, foi Miguel de Sete, e sobre todo de un amigo e compañeiro de batallas neste equipo e na vida, Óscar Galego, que estaría orgulloso, e está, de que este club ao que defendeu, cumpra 50 anos.
Cales serán os próximos proxectos ou pasos do club de cara ao futuro?
Proxectos en si, non temos marcado nada a corto prazo, só que este club siga vivo outros 50 anos se é posible, e máis, e que a xente nova que ben detrás e que vive aquí, ou ven a ver o fútbol, vaia collendo a pertenza de sentimento a este club, e que se involucren para que esta familia non morra. Ao final, o bonito deste mundo é que a xente sinta pertenza a este club, e que quen pase por aquí, tanto xogador como directivo, váiase máis feliz do que veu, e que sempre teña un bo recordo do Cebarca, e da xente que traballa dia a dia para iso.
Fotos: sadmoody241



