A UD Cebarca celebra medio século de fútbol en Cerdido

O 25 de febreiro de 1977 naceu en Cerdido algo máis ca un equipo de fútbol. Naceu a Unión Deportiva Cebarca, froito da iniciativa dun grupo de mozos que querían xogar, competir e defender as cores da súa terra.

Daquela primeira idea, levantada con ilusión e poucos medios, xurdiu un club que chega á tempada 2026/27 coa súa historia ás costas e unha bandeira por diante, a de cincuenta anos representando Cerdido.

Para poñer en marcha o proxecto, aqueles mozos buscaron o apoio de distintas personalidades. Entre elas estaba o alcalde, Don Bernardino Breijo Freire, que aceptou converterse no primeiro presidente da entidade.

Inicialmente, o nome do club sería Cerbaca, que reunía as iniciais das tres parroquias do municipio: Cerdido, A Barqueira e Casares. Pero finalmente, a directiva decidiu alterar algunhas letras e dar forma ao nome que acabaría identificando ao fútbol local ata a actualidade: Cebarca.

En 1979, Ignacio Calvo Lobeiras asumiu a presidencia, mentres Bernardino Breijo pasaba a ser o presidente de honra.

A construción do campo municipal foi outro paso decisivo. O Concello adquiriu terreos xunto ao Grupo Escolar e varios particulares cederon outros para fins deportivos. O recinto levaría o nome de Bernardino Breijo, alcalde e primeiro presidente. Alí non só xogaría o Cebarca, tamén os escolares poderían practicar deporte polas mañás. En apenas dous anos, o club xa reunía arredor de 350 socios. Co apoio da directiva, do Concello, da Deputación e doutras institucións, a entidade comezaba a asegurar a súa continuidade.

Os primeiros éxitos non tardaron en chegar. O Cebarca iniciou a súa andaina competitiva na competición da Ría e en 1985 proclamouse campión de Segunda Rexional con varias xornadas de adianto, por diante de equipos como Piñeiros, Agarimo, Maniños e Cariño. Despois, venceu por 1-0 á Selección da Ría, cun gol de Jaime, e conquistou o Concepción Arenal ante o Piñeiros, tras empatar 1-1 e gañar nos penaltis.

En 1993 chegou outro título, o de Terceira Rexional, que trouxo o ascenso a Segunda. Con Luis Martín no banco e Manuel Aneiros na presidencia, o club contaba con 380 socios e un orzamento de dous millóns de pesetas. En 1996 volveu ascender como subcampión, repetindo a fazaña en 2009 e 2013, xa na denominada Segunda Autonómica. Desde entón, mantívose na categoría, hoxe chamada Segunda Futgal.

O camiño tamén deixou outros grandes fitos recentes, como disputar a primeira final de Copa, en 2022/23, na que perderían por 3-1 ante o Perlío na Gándara, e a histórica fase de ascenso de 2024/25, na que non puido superar ao Cire Melide. Anos atrás, na tempada 2016/17, o club puido inscribir ata seis equipos e estreou o seu prebenxamín.

Agora, con Cristóbal López na presidencia, o Cebarca celebra medio século baixo a identidade “50 Anos Xuntos” e o lema “50 anos representando Cerdido”. En forma de homenaxe, o Racing e o Somozas disputaron este verán o Trofeo Concello de Cerdido, que rematou sen goles e decidiu o triunfo ferrolán nos penaltis.

Cincuenta anos despois, a historia continúa, e o Cebarca representa un pobo, unha memoria compartida e a vontade de seguir adiante.

Fotos: sadmoody241 e UD Cebarca

Don Bernardino Breijo

Elenco de xogadores antes da fundación do club

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas