O adestrador do Xallas FC afronta o salto de categoría con ilusión, ambición e os pés no chan. Doriño non fixa un posto como obxectivo, senón que aposta por un equipo que sexa máis constante, fiable e competitivo, que saiba sufrir nos momentos difíciles e que consiga que a afección da Fontenla se identifique co seu equipo.
Con que obxectivo afronta o equipo esta tempada e que resultado considerarías un éxito ao final da liga?
Afrontámola coa ambición de ser competitivos desde o primeiro día. Somos un equipo que vén de ascender e sería un erro pensar que o feito de que nos fose ben estes últimos anos nos garante algo nesta categoría. Empezamos de cero.
Non me gusta marcar unha posición como obxectivo antes de comezar porque a competición acaba poñendo a cada equipo no seu sitio. Primeiro temos que demostrar que podemos competir neste nivel e conseguir que o equipo siga medrando. Se somos capaces de chegar ao final da tempada sendo mellor equipo do que somos agora e coa sensación de que estivemos á altura da categoría, será unha boa tempada. E se durante o camiño aparece a oportunidade de mirar máis arriba, non imos renunciar a nada.
Cal cres que vai ser a principal dificultade que vai ter o equipo nesta tempada e que aspecto consideras fundamental para competir ao máximo nivel?
Probablemente, entender canto antes o que esixe a categoría. Haberá máis ritmo, máis experiencia e, sobre todo, menos marxe para equivocarse. Situacións que noutras categorías podían quedar nun erro sen consecuencias aquí poden decidir un partido.
Por iso, máis que cambiar completamente o que somos, temos que facelo mellor. Ser máis constantes, máis fiables e aprender a competir tamén nos días nos que o equipo non estea ben. Para min esa vai ser unha das claves: que o noso nivel competitivo non dependa de estar acertados ou de que o partido vaia de cara. Un equipo que quere competir de verdade ten que saber gañar, pero tamén sufrir, defender e permanecer dentro dos partidos cando as cousas se complican
Como chega o equipo ao inicio da competición e que mensaxe lle queres transmitir á afección?
Chegamos con ilusión, pero tamén sabendo que aínda estamos en construción. A pretempada está precisamente para equivocarnos, corrixir cousas e ir atopando a nosa mellor versión. Non quero que cheguemos ao primeiro partido pensando que xa está todo feito; quero un equipo que teña claro o que quere facer e que saiba que aínda ten moito percorrido por diante.
Á afección non lle pediría nada que non esteamos dispostos a dar nós primeiro. Temos que ser nós os que consigamos que a xente queira vir a Fontenla e se identifique co equipo. O compromiso, o esforzo e competir cada partido non son negociables. Despois haberá domingos nos que xogaremos mellor e outros peor, porque isto é fútbol, pero queremos que cando a xente marche do campo recoñeza ao seu equipo. Se conseguimos iso, estou convencido de que Fontenla vai volver ser unha parte moi importante do que consigamos esta tempada.
Foto: fotoschimpi




