O Pavillón da Malata viviu unha noite máxica na que O Parrulo endosou un 6-0 ao Inagroup El Ejido no terceiro encontro das semifinais e xogará a final polo ascenso ante o Málaga.
Unha vez máis, o Pavillón da Malata vestíase de branco para acompañar ao Parrulo no terceiro e decisivo partido das semifinais do playoff de ascenso a Primeira. Gerard Casas apostaba de inicio nesta ocasión por Mati Starna, Iván Rumbo, Rubén Orzáez, Diogo e Gonzalo Santa Cruz, mentres que Maca saía co quinteto conformado por Jesús, Josete, Pope, Beto e Isma Medina.
Os primeiros minutos de xogo foron de tenteo, cos equipos un tanto nerviosos e impreciosos, cousa obvia polo que había en xogo, pero aos poucos O Parrulo fóronse facendo donos do balón, ameazando timidamente a portería de Jesús con disparos afastados, en especial desde o saque de esquina, onde os locais gozaban de varias ocasións, en especial Domingos, que cun remate de cabeza estaba a piques de adiantar aos seus, pero íase por encima do traveseiro.
Cola tiña a primeira clara para os visitantes, nun remate un tanto forzado e que Mati Starna evitaba cunha boa man. E cando mellor estaba O Parrulo no campo, o colexiado sinalou un claro penalti na área ferrolá. O encargado de executar a pena máxima era Pope, pero baixo paus Berthod, experto na matería, fíxose grande e conseguiu deter o disparo. Esta acción subiu revolucións ao equipo ferrolán e comezou a asediar a portería de Jesús unha e outra vez, ata que nun xogadón de Novoa pola banda, chegaba ata a liña de fondo e poñía un balón medido ao centro da área para que Diogo a enchufara de primeiras.
Cun gol por diante, os ferroláns non baixaban a intensidade e con valentía ían en busca do segundo, aínda que previamente Starna sacaría unha incrible man de puro reflexo para evitar o empate. Na seguinte xogada, A Malata viña abaixo co segundo dos locais tras enganchar Gonzalo Santa Cruz unha volea afastada e enviala para dentro da portería do arco defendido por Jesús. O Parrulo non cesaba no seu ímpeto, e un par de minutos despois chegaba o terceiro, esta vez con Rubén Orzáez, que desde o bordo da área picaba con moita calidade o balón por encima do gardameta para deixar moi de fronte a eliminatoria.
Co 3-0 favorable para os de Gerard Casas, os dous conxuntos enfilaron o camiño cara aos vestiarios tras un primeiro tempo no que o conxunto foi moi superior ao almeriense que dominou os primeiros vinte minutos.
O segundo tempo empezou cos locais novamente dominando o xogo e primeiro Rumbo e logo Rubén Orzáez, tiveron a oportunidade de meter o cuarto, pero Jesús estaba moi acertado. Rumbo volvería ter outra cun forte disparo que rexeitaba novamente o seteiro e á que seguiría un posterior disparo ao pau de Orzáez e Novoa cazaba o rexeitamento pero íase fóra. Acto seguido chegaría o cuarto da noite, nunha xogada colectiva que finaliza Gonzalo Santa Cruz fusilando dentro da área.
O Parrulo estaba moi crecido na cancha e estábase gustando, e o quinto tanto non se fixo esperar. Tras un saque de banda, Diogo sacaba un lategazo que deixaba practicamente sentenciado o encontro na noite máxica ferrolá. Os ánimos estaban pola nubes e os almerienses tiveron que recorrer moi pronto ao porteiro-xogador, pero nun roubo de Nico Rosa, regateaba a medio equipo rival e cando xa estaba para facer o sexto, Beto derrubábao e sería expulsado, aínda que O Parrulo non aproveitaría estes minutos de superioridade numérica para aumentar a renda. Con Pope como quinto xogador, os almerienses trataban de atopar o tanto que lles dese esperanzas, pero nun dos ataques, Nico Rosa roubaba o balón, marchábase da súa marca e nun dous contra un, pasaba á súa dereita para que Turbi puxese o sexto no electrónico.
O Parrulo seguía querendo máis e Domingos rozaría o sétimo con dúas ocasións consecutivas, a primeira tras unha xogada persoal, regateando á súa marcaxe e disparando ao pau, e na segunda rematando ao lateral da rede tras outra boa acción individual.
O tempo cumpriríase e O Parrulo, tras unha gran noite máxica, plantaríase na final do playoff vencendo no terceiro partido de semis por un rotundo 6-0. Os de Gerard Casas mediranse no partido de ida no Pavillón da Malata ao Málaga, que tamén superou no terceiro partido ao Alzira, o próximo sábado día 7 de xuño con hora aínda por determinar.
O PARRULO: Mati Starna, Rubén Orzáez, Iván Rumbo, Diogo e Gonzalo Santa Cruz; tamén xogaron Berthod, Novoa, Turbi, Nico Rosa, Domingos, Víctor Montes e Lukas.
INAGROUP EL EJIDO: Jesús, Josete, Pope, Beto e Isma Medina; tamén xogaron Señoret, Nacho Gil, Cola, Adri, Rafalillo, Isma Vacas, Jose e Álex Fuentes.
GOLES: 1-0 Diogo (14′), 2-0 Gonzalo Santa Cruz (15′), 3-0 Rubén Orzáez (17′), 4-0 Gonzalo Santa Cruz (23′), 5-0 Diogo (23′) e 6-0 Turbi (30′).
ÁRBITROS: Gael García Schmid, Víctor Toca Campo, Roberto Amor Vizoso (terceiro árbitro) e María López López (cronometradora). Amoestaron aos locais Novoa e ao adestrador Gerard Casas, e por parte dos visitantes, verían cartón amarelo Adri, Señoret e Cola, e sería expulsado Beto.
INCIDENCIAS: Terceiro partido das semifinais do playoff da Segunda División Fútbol Sala celebrado no Pavillón A Malata.
Foto: sadmoody241




