Fantástico resultado de Édgar Vigo e Fátima Ameneiro en Croacia

Os feneses asinan un terceiro RC4 no FIA European Rally Trophy que os levanta á cuarta praza do campionato. Tamén foron sextos absolutos do rallye.

Este sábado e domingo disputouse en Zagreb, Croacia, a terceira cita apuntada no calendario de Édgar Vigo e Fátima Ameneiro no FIA European Rally Trophy. Dividida en 2 xornadas de competición, o rallye caracterizouse polas altas temperaturas e a dificultade para o correcto recoñecemento dos tramos, o que provocou que a primeira especial, só puidese ser recoñecida nunha única pasada. A pesar disto, a experiencia dos de Scratch Fene na toma de notas, permitiulles saír con confianza a ese tramo inicial a 2 pasadas e obter, ao final da xornada, a 4ª praza entre os RC4 e a 8ª da xeral da competición, á espera do que ocorrese o domingo, con outros 9 tramos por diante. O domingo, Édgar e Fátima tiveron unha bonita loita durante todos os tramos con Nikola Mischev, piloto búlgaro co que xa competiran en Romanía en 2020 e que nesta ocasión, non foi capaz de vencer aos feneses. Pola contra, o mozo checo Rene Donhal, lograba distanciarse e ao cabo, obter a vitoria en RC4, marcando un bo camiño cara á vitoria do campionato, onde se afianza no liderado.

Co terceiro posto alcanzado en RC4, os galegos soben moitos postos na clasificación do campionato, situándose agora en 4ª posición da xeral, por detrás dos auténticos dominadores ata a data, os pilotos checos e co búlgaro Mischev en 5ª posición. Deste xeito, as posicións comezan a afianzarse e os de Fene sitúanse nos postos de honra do campionato.

Édgar Vigo: “Estamos moi felices, traballamos moito para que as cousas saian ben, pero as competicións sempre teñen moitos desafíos e é complicado lograr que todo engrane á perfección. Nesta ocasión, si o logramos e situarnos 3º no rali onde máis pilotos rivais tiñamos enfronte, ponnos moi felices e reafírmanos en que estamos no camiño correcto”.

Fátima Ameneiro: “Foi unha carreira durísima, na que tivemos que hidratarnos constantemente para evitar un golpe de calor. Os tramos parecíanse moito aos de Ourense e iso axudounos, pero o sábado comezamos cun tramo rapidísimo no que levabamos ao 208 ao corte en 5ª e aí, que adoita ser onde non despuntemos, tamén estivemos moi ben e mesmo por diante de Donhal na 2ª pasada. Estamos moi satisfeitos e agradecidos da calor recibida por RRSS”.

Info e fotos: Scratch Fene

 

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Lucía Rivas: de verde a laranxa

Lucía Rivas finalizou a súa etapa no conxunto verde do Valdetires para enfundarse o laranxa dun Viaxes Amarelle no que compartirá vestiario con coñecidas como

Álex Permuy: cumprindo un soño

Falar de Smash Padel 4 é falar do seu fundador Álex Permuy e unha vida plenamente dedicada ao deporte, coñecido polo seu pasado futboleiro (Numancia