Autocross de Carballo: Os irmáns laracheses Gabriel e Esteban Serrano coparon os primeiros postos no campionato de España de Carballo

Os irmáns laracheses Gabriel e Esteban Serrano coparon os primeiros postos na División II do campionato de España de Autocross de Carballo, terceira proba do certame.

Desta forma, Gabriel conseguiu a súa sexta vitoria nas 15º edicións nesta categoría (ten outra máis en División 2A). A cita carballesa, que organizou o Club Rallye Coruña, volveu ser un éxito, con 109 dos 113 pilotos inscritos, e na xornada
final, o domingo día 8 de xullo, déronse cita máis de 3.000 afeccionados no circuíto municipal de Bértoa.

Na División II competiron 16 pilotos, dos que os tres representantes de zona, os laracheses Gabriel e Esteban, e o carballés Borja Rodríguez (9º), estiveron na final, á que acudiron 15 pilotos. Tamén brillou Marcos Muíños, de Esteiro, que finalizou 6º cun Peugeot 106 GTI. A proba ganouna José María Escudeiro, pero unha reclamación fixo que fose penalizado e pasou á terceira posición, polo que finalmente Gabriel foi o primeiro e Esteban, segundo.

Na División I venceu con autoridade o arteixán Tito Rodríguez, despois de 3 anos sen competir, seguido de José Ángel Moratilla e Tomás Aranda. Na final estiveron 10 dos 15 pilotos en competición.

En División Buggy, o vencedor foi Eduard Bañeres, seguido de Joan Enric de María e Carlos Hermando, que era o gran favorito. Na final estiveron 10 dos 11 pilotos participantes.

En División Kartcross, os dous participantes de Cerqueda (Malpica), Sergio Bastón (posto 13º) e Sergio Suárez (posto 15º), clasificáronse á final, á que acudiron 15 dos 35 pilotos participantes. Non tivo tanta sorte o carballés Beto Lorenzo, que problemas mecánicos relegárono de estar na mesma. Iván Piña venceu a falta de 300 metros para a meta ao superar a Javier Lucena, e o terceiro posto foi para Josep Arque.

En División Kartcross júnior, o vencedor foi Quim González e o acompañaron no podio Diego García e Luis Quintana. Nesta categoría competiron na final os 14 pilotos anotados.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas