FERNANDO BUENDÍA: a despedida do corazón de Carballo

A Escola Basket Xiria notificou oficialmente o mes pasado que o adestrador Fernando Buendía non seguirá ao fronte do equipo na vindeira tempada.

Segundo recolle o comunicado do club, Buendía tomou a decisión de deixar os adestramentos temporalmente nas datas de Semana Santa e así confirmoullo ao Club, alegando que era unha decisión persoal e desexaba avisar con tempo e non verse influenciado polos resultados deportivos ao final da tempada. Buendía leva case 20 anos adestrando de forma consecutiva e a súa familia e o seu traballo facíanlle difícil compaxinar cos adestramentos e as viaxes. Por elo, dende o club agradecéuselle a súa profesionalidade, o gran traballo feito nas tres tempadas no club, a súa paixón, seriedade, compromiso e implicación, ademáis de desexarlle o mellor dos éxitos en todo o que acometa no futuro.

Fernando Buendía tamén emitiu unha emotiva carta para despedirse de todos:

«Primeiro que non, e logo que sí, despois que os vas a volver a pensar», así comeza a canción dos Herdeiros que leva por título Corasón de Carballo, e así empezaron as miñas conversas con Marcos para sumarme a este Xiria fai tres anos, cando na miña cabeza estaba centrarme na que ía ser a miña futura paternidade, pero a ilusión de Marcos, as gañas de facer cousas, de crecer e axudar ao baloncesto non só de Carballo, senón da zona fixéronme tentar compatibilizar todo, grazas Marcos, sen esa chamada non coñecería a tanta boa xente.

Mañá será o meu último partido no banco do Calvo Xiria, e quería hoxe, alonxado do resultadismo, alonxado dunha vitoria que nos faga estar eufóricos ou unha derrota que nos suma na tristeza, agradecer a todos os que formades esta familia do Xiria, o trato e o cariño comigo e co plantel de xogadores que nestes tres anos tratamos de defender este clube non sempre cos resultados desexados. Grazas, de corazón. Pero sobre todo Grazas, por todo o esforzo para que moitos nen@s podan facer o deporte que lles gusta, grazas por defender e respectar esta paixón que é o Baloncesto. Se da vosa paixón e traballo dependese, mañá comezábamos trinta arriba. Primi, Arturo, Ángeles, Tita, Carlos, Rivas, Armando, pero tamén os que antes púxechedes o voso traballo ao servizo do baloncesto como Marcos, Rubén ou Diego, grazas por facer que o baloncesto siga vivo, e no que a min respecta, grazas porque o concepto directivo, nun clube como este toma outra perspectiva, directivos que levan agua, que fan de reporteiros ou enfermeiros, que levan a xogadores a adestrar, que gravan partidos ou que sempre están para unha palabra cariñosa despois dunha derrota. Que así siga.

Grazas a todos os xogadores que xogaron e adestraron estas tres tempadas, e as diferentes personas do corpo técnico, médicos, delegados de campo, e en especial a ti Héctor que sofres no día a día cando as cousas non saen como queremos.

Gustaríame despedirme doutra forma, con público (maldita pandemia), cos deberes feitos, e xusto cando parecía que estaban encamiñados, moitas cousas comezaron a torcerse, fíxose duro querer facelo ben e poder devolver así tanto cariño e ver que non o conseguimos, pero nós non podemos controlar moitas das cousas externas que nos pasan, pero sí como nos enfrontamos a elas, mañá pelexaremos con todo para defender este escudo, e intentar conseguilo na última xornada. Oxalá vos deamos esa alegría.

A decisión de non seguir é por motivos persoais, lonxe de motivos deportivos e lonxe de resultados, pero por rematar como empecei estas liñas, no meu caso, aínda que non esté no banco na vindeira tempada, sempre estará presente UN CORAZÓN DE CARBALLO.

FORZA XIRIA!!!

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas