Ferrolterra, na pel do Baxi Ferrol

O mar, o baloncesto e a identidade de Ferrolterra atopáronse en Pantín. O BAXI Ferrol escolleu o Pantín Classic Galicia Pro para presentar a súa segunda equipación da tempada 2026/27, unha camisola que converte o territorio nunha parte máis da pel do equipo.

A estrea produciuse nun escenario que non podía ser máis coherente coa mensaxe que transmite o novo deseño. Alí, ás portas do Atlántico e no marco dun dos grandes eventos deportivos da comarca, as xogadoras do primeiro equipo participaron ademais no seu primeiro bautismo de surf. Baloncesto e surf compartiron así protagonismo nunha xornada pensada para reforzar a conexión do club coa súa terra.

A nova camisola nace precisamente desa relación con Ferrolterra. As ondas ocupan un lugar destacado e simbolizan o vínculo permanente da comarca co mar. No fondo aparecen tamén as siluetas do Arsenal de Ferrol e das grúas dos estaleiros de Navantia, referencias á historia industrial e naval dunha cidade marcada desde hai xeracións polo traballo ligado ao Atlántico.

Mar, industria, tradición e deporte mestúranse nun deseño que vai máis alá da estética. A equipación pretende reflectir tamén valores que forman parte do carácter da comarca: humildade, esforzo, precisión, traballo e capacidade para sumar nun equipo.

“Queriamos que esta camisola falase de nós. Do mar, do Arsenal, dos estaleiros, do traballo e, sobre todo, da nosa xente”, explica Almudena Marcos, vicepresidenta do club. A elección de Pantín, engade, permitiu presentar a nova pel do BAXI Ferrol “vivindo unha experiencia nova para as nosas xogadoras”.

E esa experiencia foi precisamente a outra gran protagonista da xornada. As xogadoras cambiaron durante unhas horas a pista pola area e as ondas para achegarse ao surf, unha disciplina que lles permitiu descubrir outro dos sinais de identidade de Ferrolterra. O bautismo serviu tamén para poñer en común valores que comparten ambos os deportes: a aprendizaxe, o esforzo, a adaptación e o traballo colectivo.

A presentación pechou así unha campaña na que o club foi deixando pistas sobre a súa nova equipación. Primeiro apareceron o mar, as grúas, o Arsenal, as rúas e a xente de Ferrolterra. Pouco a pouco, esas imaxes foron construíndo unha historia ata revelar a peza que as reúne todas.

Foto: Baxi Ferrol

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas