O club ferrolán continúa dando pasos na planificación da tempada 2026/27. Tras presentar aos corpos técnicos dos seus equipos senior masculino e feminino, o club xa deu a coñecer o primeiro bloque de movementos, entre renovacións e fichaxes, confirmando a súa aposta pola continuidade, o talento da casa e a incorporación de xogadores e xogadoras que permitan seguir elevando o nivel competitivo.
NOVO LIDERADO NOS BANCOS
O sénior masculino estará dirixido por Ismael «Izzy» Fernández, que tras oito tempadas consecutivas defendendo a camisola do primeiro equipo dá o salto ao banco para liderar un proxecto baseado na identidade, na formación e no sentimento de pertenza. Xunto a el estará David Coira, adestrador con experiencia na categoría tras o seu paso polo Baloncesto Narón, que achegará coñecemento da liga e experiencia ao corpo técnico.
Pola súa banda, o sénior feminino inicia unha nova etapa co regreso de Samuel Penín, que volve á casa tras cinco anos afastado dos bancos e despois de dirixir anteriormente tanto equipos de base como o propio sénior feminino do club. Acompañarao Adrián Suárez, adestrador formado na canteira do Costa Ártabra que dá o salto á categoría sénior tras varias tempadas de crecemento dentro da estrutura do club.
CONTINUIDADE E REGRESO NO SENIOR MASCULINO
O primeiro bloque de movementos do equipo masculino confirma a renovación de Brais Romero, Dani Fuertes, David Gómez e Álex Rivas, catro xogadores que seguirán sendo unha parte importante do proxecto en Primeira División Galega.
A principal novidade é o regreso de Jorge Aller, alero ferrolán que volve vestir a camisola do Costa Ártabra tras varias tempadas fóra da cidade. Con experiencia en categorías FEB e despois de competir en distintos equipos galegos, Jorge aposta por regresar á casa para formar parte do proxecto do club, coa ilusión de contribuír a recuperar un baloncesto de maior nivel en Ferrol.
XUVENTUDE, EXPERIENCIA E TALENTO PARA O SENIOR FEMININO
No equipo feminino continuarán Carla Peña, Patri Yáñez, Rocío Porto e Carla Arteaga, catro xogadoras que achegarán continuidade ao bloque que competirá unha tempada máis en Primeira División Galega. A elas súmanse dúas incorporacións de gran nivel:
A primeira é Sara Liñares, nova base procedente do Instituto Rosalía de Santiago, habitual nas seleccións galegas de formación e que afrontará a súa primeira tempada na categoría sénior, dando un importante paso na súa progresión deportiva.
A segunda incorporación é Sonia Bra, alero ferrolá con experiencia en competicións FEB, que regresa á súa cidade tras formar parte do Maristas Coruña, equipo co que conseguiu o histórico ascenso á Liga Femenina Challenge, a segunda categoría do baloncesto nacional.
CADROS PRACTICAMENTE PECHADOS
Aínda que os cadros de ambos os equipos están practicamente definidos, o club continuará durante as próximas semanas coa presentación oficial do resto de renovacións e incorporacións que completarán os dous proxectos deportivos.
Paralelamente, a dirección deportiva segue traballando na confección do equipo filial masculino, unha peza fundamental dentro da estrutura do club e no desenvolvemento dos xogadores que rematan a súa etapa de formación.
COMEZA UNHA NOVA TEMPADA
A actividade deportiva arrancará moi pronto. A canteira do CB Costa Ártabra iniciará a pretempada o vindeiro 17 de agosto, mentres que os dous equipos sénior comezarán os adestramentos unha semana máis tarde para preparar unha ilusionante tempada.
O CB Costa Ártabra afronta a tempada 2026/27 con ilusión, estabilidade e ambición, reforzando un proxecto que segue apostando polo talento da casa, pola formación e polo crecemento deportivo, co obxectivo de consolidarse como un dos referentes do baloncesto galego e continuar sendo o principal referente do baloncesto sénior masculino en Ferrol.
Info e foto: BBCA




