O Concello da Laracha fretará 4 autobuses para asistir á final da Copa da Coruña deste venres.
Por primeira vez en 84 edicións do torneo os dous finalistas da Copa da Coruña de fútbol serán equipos do termo municipal da Laracha: o Laracha C.F. e o Club do Mar de Caión. O encontro disputarase o venres a partir das 20:00 horas no estadio de Riazor.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, mantiveron unha reunión cos presidentes de ambos clubs -Juan José Fuentes (Laracha C.F.) e Manel Raposo (Club do Mar de Caión)- na que lles trasladaron os parabéns polas excelentes traxectorias no torneo, a ilusión ante a celebración dun partido que será histórico para o deporte larachés e o desexo de que o disfruten ao máximo todos os membros dos dous clubs e os seus afeccionados.
Ademais, o alcalde trasladou aos presidentes que o Concello fretará catro autobuses, dous por club, para transportar á Coruña de maneira gratuíta aos seareiros. Partirán o venres ás 18:30 horas desde as prazas do Concello e Eduardo Vila Fano de Caión. Serán xestionados directamente polos clubs, polo que as persoas interesadas deben reservar praza contactando co Laracha C.F. (teléfono 638778059) ou co Club do Mar de Caión (teléfono 696 495464).
As entradas terán un prezo de 5 euros, a excepción dos menores de 12 anos de idade, que terán acceso gratuíto. Poderán mercarse a partir do xoves contactando co persoal dos clubs ou ben o venres a partir das 18:00 horas nas taquillas do Palacio dos Deportes de Riazor.
O Laracha C.F. conta no seu palmarés con tres títulos de Copa da Coruña. O Club do Mar de Caión, que xogará por segunda vez a final deste torneo (quedou subcampión no 2016), aspira a lograr a primeira da súa historia.
Información: Concello da Laracha