O Fisober está a callar unha tempada de tal nivel, que, de seguir así, será a mellor na historia do club.
Fran Toba, o adestrador, está a sacar o mellor dun equipo que se reforzou con varias ex-xogadoras e ese extra está a ser determinante, xa non só polo que están a achegar, senón, principalmente, polo que fan render ás súas demais compañeiras.
O equipo chega ao momento da verdade. A próxima xornada, que será a segunda da segunda volta, recibirá en O Conco ao segundo clasificado, FC Meigas. Por tal motivo, xogarase tres puntos moi importantes entre ambos, aínda que despois quedarán por disputar 13 xornadas para o remate da competición. Non hai que esquecer que as da Costa da Morte tan só caeron nun partido dos 16 disputado e foi, precisamente, fronte ao FC Meigas, en Ames (4-0).
A formación do Fisober non só está a gañar, senón que cada partido é unha festa, polo xogo que realiza o conxunto. Un fútbol sala ofensivo, con moita seguridade na defensa e, loxicamente, resolutivo en ataque. Por iso son das formacións máis realizadoras, superando a barreira dos 60 tantos nas 16 xornadas xogadas.
PARTIDO VITAL
Mañá, sábado 28 ás 16:00 horas, o polideportivo O Conco acolle o encontro entre o Fisober e o FC Meigas. O Conco ten que ser unha olla a presión no partidazo da tempada e o público xogará moito a favor das xogadoras da Costa de Fran Toba.