Francisco Gómez Pallas: un heroe no Dakar

O piloto de Carballo, Fran Gómez Pallas participou no Rally Dakar 2024 nunha novidosa categoría, ao mando dunha moto 100% eléctrica.

O 5 de xaneiro comezou a aventura no deserto de Arabia Saudí cunha etapa prólogo na que o noso protagonista conseguía a vitoria, algo que tamén conseguiría na seguinte etapa no día de Reis, cun recorrido moi complicada con cambios de rumbo constantes. As seguintes etapas o protagonismo foi para as dunas, as pedras, etapas moi longas onde tamén era moi importante controlar o consumo da batería. Fran Gómez conseguiu vencer outra etapa, facéndoo en tres de maneira consecutiva.

PRIMEIRAS ANÉCDOTAS E PROBLEMAS DE ORGANIZACIÓN
No quinto dia de competición catro motos (entre elas a de Fran Gómez) e un coche non puideron saír cando xa estaban preparados na liña de meta, debido a que a Organización do Rally non tiñan cargado o Road Book (libro de ruta) para esas participantes. A etapa finalmente declarouse igualmente puntuable, sendo o piloto de Carballo un dos principais prexudicados por ese gran erro da organización da carreira. O bravo de Fran lonxe de virse abaixo logrou refacerse na etapa seguinte, vencendo nun dos tramos cronometrados e sumando puntos moi importantes de cara a loita polos primeiros postos.

CHEGAN OS PROBLEMAS COA MOTO E UNHA CAÍDA MOI FEA
Despois da etapa de descanso, Fran Gómez comezou a sufrir a dureza e a esixencia do Dakar cos problemas na súa moto eléctrica. Rotura do chasis, do soporte da táblet ou dun soporte do motor. Con todo o de Carballo non deixou de loitar por estar nas primeiras posicións, aínda que iso fixo que o chasis da moto sufrira moito deterioro. Na penúltima etapa do Rally, o chasis da moto non aguantou mais e partiu a 12 quilómetros da meta, provocando unha caída moi fea na que Fran sufría mazaduras por todo o corpo, sufrindo tamén dúas fisuras nunha costela. Fran declaraba tras esta caída que “o airbag creo que salvounos a vida”.

GRAN RECOÑECEMENTO POLA ORGANIZACIÓN COMO FINISHER DO RALLY DAKAR
O piloto carballés non tiña moto para participar na curta última etapa, un día especial e moi agardado que todos os pilotos participantes queren vivir para poder chegar ao podium. Pese a iso, a Organización , axudada pola opinións dos demais pilotos, valorou e premiou o gran traballo de Fran Gómez Pallas e de todo o seu equipo, declarándoos como FINISHER, polo que subiron ao podium recibindo o seu trofeo correspondente.

FRAN GÓMEZ PALLAS
“Marchamos moi satisfeitos coa nosa participación neste Dakar, conseguimos gañar etapas, loitando de ti a ti cunha moto de garaxe ante motos de fábrica. E por enriba de todo, aprendemos moitísimo. Quero agradecer a todos os Sponsors e a toda a afección que estivo mandando ánimos e seguíndonos todo este tempo. Sen todos eles, esta aventura do Rally Dakar 2024 non houbera sido posible”.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas