IAGO FUERTES: O xogador de pádel foi recibido no Concello de Narón

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, recibiron na tarde de onte no Concello ao naronés Iago Fuertes Leonardo, unha promesa do pádel cunha destacada traxectoria deportiva aos seus 12 anos.

No salón de plenos Iago conversou con Ferreiro e Oreona, aos que explicou que xoga ao pádel dende os 7 anos e que soe adestrar sobre dúas horas ao día.

Subcampión infantil e Campión de España por equipos, Campión Máster nacional, Subcampión de Europasub-12 en 2022, gañador na categoría Infantil do primeiro TyC prémium celebrado a nivel estatal en Zaragoza o pasado febreiro, campión do Grand Slam de Cataluña celebrado hai tan só uns días en Tarragona… “constatan o elevado nivel do naronés, unha das máis destacadas figuras desta disciplina deportiva tanto a nivel nacional como internacional”, tal e como recalcou Ferreiro.

A alcaldesa interesouse pola traxectoria deportiva de Iago Fuertes e aseguroulle que “é un orgullo ter en Narón a un xogador de pádel do máximo nivel cun palmarés excelente con tan só 12 anos”, desexándolle moita sorte nos vindeiros torneos nos que participe, o máis próximo dentro duns días en Bergondo. Antes de despedirse de Fuertes, Ferreiro entregoulle unha metopa cunha árbore da vida de Sargadelos, un agasallo que agradeceu e recibiu no salón de plenos do Concello.

Info e fotos: Concello de Narón

 

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas