Igualdade máxima entre O Parrulo e o Melistar

Reparto de puntos entre O Parrulo e o Melistar tras empatar 2-2 nun encuentro no que os locais foron superiores no primeiro tempo e os visitantes tiveron un gran arranque do segundo.

O conxunto ferrolán chegaba á 15ª xornada do campionato ligueiro con ganas de sumar o primeiros tres puntos do 2025 e seguir coa boa dinámica tras despedir o 2024 con vitoria no derbi galego ante o ADC Lugo Salga. O rival nesta ocasión era o Melistar dirixido por Tomás de Dios, un equipo moi correúdo e que era sexto na clasificación con tres puntos de vantaxe sobre O Parrulo, e para este encontro Gerard Casas saía con Mati Starna, Rubén Orzáez, Iván Rumbo, Morgato e Nico Rosa, mentres que o técnico do conxunto melillense elixiu a Gonzalo, Joaki, Rangel, Grillo e Salvi.

O Parrulo saíu con todo desde o primeiro minuto, movendo rápido o balón e con presión alta e moi pronto se adiantou no marcador tras unha boa combinación entre Rumbo e Orzáez, filtrando este último un bo balón que deixaba a Rumbo no man a man ante Gonzalo e cravábaa pola escuadra.

Tras o tanto, o Melistar buscaba reaccionar pero non conseguía inquietar a meta defendida por Starna e O Parrulo seguía co mesmo ritmo tratando de atopar espazos. Foi así como nunha nova combinación dos locais, Morgato recollía un bo balón filtrado para superar a Gonzalo cun bo disparo por raso ao pau longo e poñer con dous de vantaxe aos ferroláns.

Co 2-0 o partido igualouse en canto a oportunidades, cos melillenses buscando disparos ou algunha contra para meterse no partido, xogando de cinco para aproveitar a superioridade numérica en ataque, mentres que os ferroláns seguían ben posicionados sen conceder situacións de excesivo perigo, agardando algunha ocasión para ampliar a vantaxe e tratar de sacar a quinta falta ao rival. A pesar do ímpeto dos dous equipos, o resultado non se volvería a mover no primeiro tempo e co resultado de 2-0 favorable aos de Gerard Casas, os equipos tomarían o camiño aos vestiarios.

O segundo tempo empezou mal para os intereses ferroláns tras cometer Morgato un penalti. Joaki foi o encargado de executalo e Aguayo estivo preto de paralo tras tocar o balón, pero finalmente o balón terminou dentro da rede para volver meterse o Melistar no partido. Saíu moi durmido O Parrulo e moi enchufado os de Tomás de Dios que na seguinte xogada igualaron a contenda tras unha perda e non fallar Salvi ante Starna para poñer o 2-2 no marcador.

O partido convertíase nun auténtico correcalles, con ocasións claras nas dúas porterías e os nervios a flor de pel polo axustado do marcador, e que, ademais, no ecuador do segundo tempo os ferroláns estaban con catro faltas por tres dos melillenses.

O Parrulo tivo a última do partido nunha boa contra liderada por Nico Rosa, pero o seu balón estrelábase no corpo de Gonzalo no man a man e o partido chegaba ao seu fin con repartición de puntos nun encontro en que a boa primeira parte dos ferroláns non tivo o premio gordo tras o bo arranque do segundo tempo por parte do Melistar.

O próximo encontro de O Parrulo será visitando ao Sala 5 Martorell o sábado 25 ás 18:30 para disputar a 16ª xornada da Segunda División Fútbol sala.

O PARRULO: Mati Starna, Rubén Orzáez, Iván Rumbo, Morgato e Nico Rosa; tamén xogaron Víctor Montes, Novoa, Gonzalo Santa Cruz, Turbi e Domingos.

MELISTAR: Gonzalo, Joaki, Rangel, Grillo e Salvi; tamén xogaron Pablo, Wallace, Mati Bonino, Iván Fernández, Claudio e Moha.

GOLES: 1-0 Iván Rumbo (1′), 2-0 Morgato (8′), 2-1 Joaki (21′ de penalti) e 2-2 Salvi (22′).

ÁRBITROS: Borja Reguera Prieto, Víctor Toca Campo, Manuel Castro. Fernández e Clara Díez Gil. Amoestaron aos locais Gonzalo Santa Cruz, Manu Aguayo e ao adestrador Gerard Casas, e aos visitantes Grillo, Iván Fernández, Javi e Salvi.

INCIDENCIAS: Partido da 15ª xornada da Segunda División Fútbol Sala celebrado no Pavillón A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas