O Concello de Outes celebrou este sábado 20, ás 20:00 horas, no emblemático Pazo do Tambre, a terceira edición da súa Gala do Deporte, un evento que reuniu a preto de 300 persoas vinculadas ao tecido deportivo, social e institucional do municipio.
A velada, presentada por Pablo Ríos por terceiro ano consecutivo, consolidouse como unha cita de referencia para recoñecer o talento, o esforzo e a traxectoria dos deportistas outenses.
Recepción institucional e apertura da gala
A xornada deu comezo ás 19:00 horas coa recepción de autoridades, finalistas e medios de comunicación. O Pazo do Tambre agasallou aos asistentes cun ágape de especialidades da casa, creando un ambiente distendido previo ao acto oficial.
Entre as autoridades presentes atopábanse o alcalde de Outes, Francisco Calo, o concelleiro de Deportes, Tono Caamaño, e membros da corporación municipal dos diferentes grupos políticos. En representación da Xunta de Galicia asistiu María Mar Ferreiro Broz, Directora Territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes na Coruña.
A madriña da gala foi a futbolista Lúa Arufe Calo (Porto do Son), xogadora do FC Barcelona, que regresaba de París tras facer o seu debut na UEFA Women’s Champions League o pasado mércores.
Premios e recoñecementos 2025
A partir das 20:00 horas deu comezo a entrega de galardóns, que distinguiu ás persoas e entidades máis destacadas do deporte local durante o último ano. Os premiados foron:
Mellor Deportista Outense 2025
Masculino: Sergio Añón (finalistas: Pablo Gandarela, Hugo Seoane e Sergio Añón). Feminino: Rosa Outeiro (finalistas: María Cao e Rosa Outeiro).
Mellor Deportista Promesa
Diego Castelo (finalistas: Brais Liñayo, Gabriel Amado e Diego Castelo).
Mellor Adestrador/a
Pepe Saborido – Escola de Piragüismo e Triatlón Outes.
Equipo Outense Destacado
Veteranos do Club Baloncesto Outes (finalistas: Veteranos CB Outes, Infantís EPT Outes, Premini CB Outes).
Mellor Club, Asociación ou Entidade Deportiva
Escola de Piragüismo e Triatlón Outes (EPT Outes) (finalistas: Club Atletismo Outes, A Riola Futbolín, EPT Outes).
Premio ao Patrocinio e Colaboración co Deporte
Restaurante Pepe do Coxo – O Freixo, Outes.
Evento Deportivo do Ano
Master Nacional de Futbolín A Riola (finalistas: Trail de Outes, Regata Deputación de Piragüismo, Master A Riola).
Mencións Especiais – Toda unha vida adicada ao deporte
José Manuel Fernández “Mirás”, Domingo Suárez Vilariño “Balón”.
Actuacións e sorteos
A gala contou coa actuación dunha representación da Escola de Música Municipal, dirixida por Manuel Blanco Dosil, que puxo o toque artístico á velada.
Ademais, realizouse un sorteo de material deportivo aportado polos clubs municipais, así como vales de compra en Deportes Casais, sesións de spa en Spasinho e sesións de fisioterapia nas clínicas Physis e Vainca de Outes.
Clausura
Pasadas as 21:30 horas, a gala concluíu cunha gran acollida por parte do público e cunha impecable organización técnica multimedia a cargo de Paco Vulkano.
O acto pechouse cunha sesión de fotografías no photocall oficial, na que participaron premiados, finalistas, autoridades e a madriña do evento. O Concello de Outes agradece a participación de todas as persoas e entidades que fan posible que o deporte siga sendo un motor de cohesión, saúde e orgullo para a comunidade.
Foto: Concello de Outes




