INÉS PAPÍN: Máis de 18 títulos

Inés Papín Estévez (Rentería-San Sebastián, 1969) é unha atleta que rompe moldes e o previsible. Así, ela recoñece que “o atletismo foi un frechazo”. Iso ocorreu aos 42 anos cando, por casualidade, foi ver correr á súa irmá Noelia nunha popular en Santa Cruz (Oleiros) no 2011.

Naceu en Rentería por azar, debido a que os seus pais son de Fisterra, Juan Jesús Papín Vázquez e Inés Estévez Papín. Juan Jesús foise vivir ao País Vasco con 14 anos por motivos de que non había traballo e a familia buscou unha saída en Rentería. En 1968 casaron, unha vez que se coñeceron en Fisterra, á que acudía frecuentemente Juan Jesús. Pero a deportista sente fisterrá polos catro custados, xa que aos 8 anos foi vivir á Costa da Morte. Traballa desde hai 27 anos, os 15 últimos de teleoperadora, polo que a levou a ter que vivir na Barcala, en Cambre, e é nai de dous fillos: Sara e Mario. Inés conseguiu neste mes de febreiro, os días 4 e 5, e en Valencia, os títulos de campioa España 3.000 pc W50, subcampioa 1.500 pc W50 e campioa en substitucións pc W50, baixo as siglas do Club Atletismo Sada. Tras estes logros comentou: “Sigo a mil e non podo parar”.

Inés Papín leva agora dez anos competindo a nivel amateur, pero no seu legado atesoura 18 títulos autonómicos, 2 nacionais e un récord galego en 1.500 metros. Así, no seu palmarés conta con ser tres veces campioa da milla galega en roteiro (2015, 2019 e 2021), catro veces de 5 quilómetros roteiro (2016, 2018, 2019 e 2021), dúas veces en 1.500 (2019 e 2020), tres veces en 3.000 (2020, 2021 e 2022), unha vez en 5.000 (2021), dúas veces en maratón e unha en media maratón. A nivel nacional, foi campioa en 1.500 (2021) e 3.000 (2022). Pero tamén ten participacións tanto na competición europea celebrada en Madrid, en marzo do 2018 (9ª, en cros), e no campionato do mundo en Málaga, en setembro do 2018 (7ª, en 5.000 en pista).

Traballar, ser nai e facer deporte. Como se pode compaxinar todo? “Primeiro ten que gustar e despois, como son inquieta, busco o tempo de onde sexa”, comenta. Non se pode esquecer que na actualidade dedica tres días aos adestramentos, os martes e os xoves para exercitarse en pista, e un da fin de semana unha tirada longa, na que adoita realizar entre 12 e 14 quilómetros. Tamén axudou a Inés a meterse de cheo no atletismo no ano 2012, porque os seus fillos Sara e Mario, que por aquel entón tiñan 11 e 8 anos, respectivamente, ían adestrar co Club Atletismo Sada en pista e ela ao levalos tamén aproveitou para exercitarse. Aínda que a súa primeira toma de contacto foi nun cros de Acea de Ama, en Culleredo, no 2011. Lembra perfectamente: “Esa primeira vez case morro (risas) despois de realizar os 6 quilómetros. Non paraba de mirar cara atrás, porque non quería chegar a última”. Desde sempre o seu adestrador foi e é Alberto Orey e as pistas do INEF, en Bastiagueiro, son o seu lugar máis habitual e que forman parte da súa vida cotiá. Unha data que lembra especialmente foi a primeira vitoria. Ela ocorreu nunha popular celebrada en Ordes no 2011. O que ten moi claro Inés é que o deporte debe de ser adestrar, descansar e ter boa alimentación. “O que debes facer é ir combinando rutinas e hábitos, para buscar unha boa alimentación, o adestramento con ximnasio, pesas e pista, e, está claro, descansar, isto é primordial para poder render ben”. O que tamén quere transmitir Inés é que “todos podemos facelo e animo a todas a que dean o paso. Pódese facer, eu fíxeno”. Inés tamén fixo crecer nela una certa tradición da súa familia, xa que dos cinco irmáns, tres practican deporte, como o caso de Noelia e Carolina. Mentres que a artesá Violeta e o mariscador Juan Jesús, non.

NOVO TÍTULO

O último reto de Inés Papín foi o campionato de Europa de Cross, en Braga. A primeira proba na que estivo o día 20 formou equipo coa soneirán Teresa Castro e a guardesa Julia Vaquero e foron campioas.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas