O Cultural Maniños militará esta tempada na Preferente tras realizar unha pasada campaña impecable proclamándose campión de liga e logrando o soñado ascenso, e farao contando un ano máis co seu motor no centro do campo, Javier Miragaya González (Narón, 1998), que cumprirá a súa sétima tempada vestindo a indumentaria do conxunto fenés.
O talentoso naronés formouse no Galicia de Caranza antes de dar o salto ao Cultural Maniños, sendo todo un director de orquestra á hora de manexar o xogo dos seus, achegando a pausa necesaria e manexando con precisión os tempos.
Como viviches o ascenso?
Para min, o ascenso foi o premio a un traballo de moitos anos. Cando cheguei a Maniños, o club viña de oscilar entre Primeira e Segunda Autonómica varios anos, e na miña primeira tempada descendemos. Con todo, tanto a directiva como a maior parte do grupo, decidimos quedarnos e darlle continuidade ao traballo que viñamos facendo porque considerabamos que tiñamos o nivel para asentarnos en Primeira. E así foi, ano tras ano conseguimos salvarnos con bastante antelación e estivemos preto en varias ocasións de poder pelexar ata o final as opcións de ascender, chegando a xogar en 2022 o playoff de ascenso. Sabiamos que mantendo o nivel e mellorando algúns aspectos algún ano podiamos chegar a conseguilo, e por sorte, esta tempada xuntamos un grupo espectacular tanto dentro como fóra do campo e conseguimos facer un ano incrible co premio do título de liga e o ascenso directo.
Sétima tempada no Cultural Maniños, que significa este escudo para ti?
A día de hoxe significa moitísimo. Antes de fichar aquí, nunca pensei que chegaría a xogar neste club, e menos que permanecería tantos anos, pero é que desde o primeiro momento o trato foi espectacular. É un club moi familiar no que a directiva é moi próxima e sempre están en disposición de axudarche no que sexa, e a nivel deportivo sempre notamos o seu apoio, tanto nos bos como nos malos momentos, sen ningunha presión de ningún tipo e axudándonos a gozar facéndoo todo máis fácil. Ademais, tiven a sorte de coincidir aquí con adestradores e xogadores que xa coñecía de hai moitos anos e que considero os meus amigos, e coñecín a moitos outros cos que a día de hoxe tamén teño unha gran relación de amizade. Todo isto fai que lle teña moito agarimo a este club, e o ascenso deste ano é un premio aínda maior ao facelo rodeado de todas estas persoas. Como dixo o noso compañeiro Gelo o día do ascenso: “non é ascender, se non con quen o consiga”.
Que expectativas tes na Preferente?
Somos conscientes de que vai ser un ano durísimo a nivel deportivo. Creo que de todo o persoal, só temos catro ou cinco xogadores con experiencia previa na liga, polo que se queremos competir imos ter que esixirnos un nivel de traballo moi alto. Seguramente, que para conseguir puntuar ou gañar partidos, todo o equipo vai ter que estar moi preto do seu nivel máis alto, pero iso tentaremos. Para nós este ano é un premio, pero queremos esforzarnos ao máximo porque dure máis anos. E, se non é así, que non nos poidamos arrepentir por non dalo todo.
Que che están parecendo as renovacións e as novas incorporacións?
Creo que se está vendo que se apostou pola continuidade do grupo que conseguiu o ascenso, xa que, menos catro xogadores, todos renovamos. O ano pasado todos os xogadores tiveron bastantes minutos e tiveron momentos importantes, polo que é normal apostar por continuar coa mesma idea. En canto aos reforzos, os dous que se anunciaron, ata o de agora, son xogadores con experiencia na liga e que ademais coñecemos e son amigos de gran parte do grupo, polo que a súa adaptación vai ser rápida e a nivel deportivo seguro que nos van a permitir subir o nivel.
Fotos: Sadmoody241




