A portería do Galicia de Mugardos volverá ter o seu ferrollo coa quinta tempada consecutiva de David Gómez Vázquez (O Temple – Cambre, 1994).
A carreira do gardameta comezou nos benxamíns do Victoria CF e posteriormente nas categorías inferiores do Dépor, ata dar o salto ao Fabril, Elche Ilicitano, Silva, Ponferradina e Somozas.
David é un porteiro de altos reflexos, gran xogo de pés e alta capacidade de liderado, alentando a todo o equipo para obter ese plus de intensidade.
Como descubriches que a túa paixón era a portería?
Pois a verdade é que foi casualidade. No equipo de fútbol sala, que foi onde empecei a xogar cos meus amigos do colexio como xogador de campo, non tiñamos porteiro e púxenme eu para probar. A partir de aí, déuseme ben e o meu adestrador nese momento levoume a probar no Victoria CF. Estiven un ano en benxamíns e de aí xa pasei ao alevín do Dépor, que naquel entón era o equipo de menor idade que tiña o club. De todos os xeitos, creo que tamén gozaría moito xogando noutra posición, xa que sempre me gustou participar como xogador de campo nos adestramentos.
Quen é o teu maior referente baixo paus e por que?
Sempre me adoitaba fixar nos porteiros do primeiro equipo que había no Dépor. Lembro ir de pequeno a Riazor e ver a Molina, pero en quen máis me fixei foron Aranzubia, Fabricio e Germán Lux, que foron moi bos referentes para min, tanto dentro como fóra do campo. Déronme moi bos consellos e aprendín moito deles. Xa a nivel mundial, sempre tiven debilidade por Buffon.
Que consellos darías aos máis pequenos/as que queren seguir os teus pasos?
Que gocen do camiño. Independentemente da categoría ou club no que estean, que o pasen ben, tanto adestrando como xogando, que o gocen e que traten de aprender o máximo de adestradores e compañeiros. Moitas cousas que se aprenden no fútbol valen despois para outros aspectos da vida.
Como valorarías a pasada campaña?
Pois unha sensación bastante agridoce. En termos xerais a tempada foi de suspenso, porque non conseguimos a permanencia. É verdade que houbo condicionantes e circunstancias, e tivemos un moi mal arranque que nos lastrou bastante. Fixemos un final de campaña moi bo e polos pelos non conseguimos salvarnos. A Copa foi un pequeno consolo para nós, pero sobre todo para a afección, aínda que como che digo, para min foi un suspenso.
Que esperas desta nova tempada?
Pois a afronto con ilusión, con ganas de seguir gozando e achegando o meu granito de area a este equipo e este club tan especial e que tan ben trata a todos os xogadores que pasamos por el. Oxalá poidamos ao final de ano darlle unha alegría a toda a xente que está aí sempre.
Fotos: Sadmoody241




