O ariete Jorge Raña Fraga (A Coruña, 1997) está a ser a principal baza ofensiva dun Paiosaco co que cumpre a súa terceira tempada. Comezou a súa carreira futbolística no San Cristóbal, para posteriormente dar o salto aos xuvenís do conxunto herculino do Victoria e a continuación entrar no primeiro equipo, sendo a campaña 2017/18 na que se desatou como goleador ao conseguir 32 tantos na súa conta persoal.
Raña é un xogador que pode desenvolverse en calquera das posicións pola súa polivalencia, desborde e ser un auténtico cazagoles, comentando sobre a vivencia no seu club que “estou moi feliz no Paiosaco, desde o primeiro día tratáronme coma se levara toda a vida alí, tanto compañeiros, como corpo técnico, directivos e mesmo afeccionados”.
A tempada está a ser especialmente complicada este ano na que o equipo pelexa por lograr a permanencia, explicando Raña que a competición “está a ser difícil, xa que non conseguimos enganchar resultados positivos que nos saquen da zona baixa”, pero á vez enfócao de maneira positiva e optimista, declarando que a permanencia é posible xa que “estamos a facer todo o posible para iso e seguro que o logramos”.
Raña é o máximo goleador do equipo con 10 dianas, destacando que o seu gol máis especial “foi o primeiro da tempada, contra o Atlético Escairón. Ao final, levaba todo un ano practicamente sen xogar pola lesión e poder volver axudar ao equipo, con gol neste caso, é moi bonito”.