O Valdetires aposta firmemente pola experiencia e a xuventude

O conxunto ferrolán continúa perfilando o seu proxecto deportivo coa vista posta na vindeira tempada.

O club da cidade naval mantén unha intensa actividade nos despachos mentres agarda polo inicio oficial do curso, previsto, en principio, para as xornadas do 19 e 20 de setembro, segundo anunciou a Real Federación Española de Fútbol. Unha fin de semana antes disputarase a primeira rolda da Copa da Raíña, que servirá como primeira proba competitiva para un equipo que quere presentarse cun cadro de xogadoras renovado e moi ambicioso.

No capítulo de baixas, o club confirmou que non continuarán defendendo a camiseta verde Patri Corral, Ana López, Natali Mytrofanska, Leti Rojo, Giselle Tais, Laura Fernández e Paula Alonso, futbolistas que poñen punto e final á súa etapa na entidade tras contribuír co seu esforzo e compromiso.

A continuidade tamén terá un papel destacado. Manuel Lombardía volverá situarse á fronte do banco unha campaña máis, acompañado polo preparador físico Luis López. Ademais, seguirán formando parte do bloque Irene Cela, Iria Santos, Valeria Montero, María Lence e Tere, pezas importantes para manter unha base sólida sobre a que construír o novo proxecto da escuadra ferrolá, onde tamén estará a talentosa Laurita, xogadora cadete do Lago Sport e que grazas ao acordo de filialidade, fará a pretempada co conxunto departamental e apunta a que esta campaña terá moitos minutos na Segunda División.

As incorporacións alimentan a ilusión da afección. A chegada da internacional absoluta co combinado español, Dany Domingos, achega calidade, experiencia e liderado, mentres que Mariña Castro e Sheyla Rivera representan unha firme aposta de futuro grazas á súa gran proxección. A elas únense tamén Suzan Bezerra e Male Pellegrino, dúas xogadoras contrastadas que elevarán o nivel competitivo do equipo. Tamén sobresae o regreso dunha xogadora moi querida pola afección, como é Carol Senra, que supón unha volta moi celebrada na entidade ferrolá, así como a última incorporación anunciada ata o momento, a xaponesa Rio Matsuki, xogadora de moito talento que aportará a súa calidade ao club ferrolán.

Co mercado aínda aberto e con novos movementos por producirse, o Valdetires continúa traballando na confección dun persoal chamado a competir con garantías desde o primeiro encontro.

Foto: sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas