O Baxi Ferrol leva a primeira vitoria nos cuartos do playoff da LF Endesa nun partidazo das de Lino López superando por 61-49 ao Perfumerías Avenida e conseguindo unha renda de 12 puntos para o encontro de volta.
O Baxi rozou a perfección nunha gran noite na que o himno ferrolán retumbou en todo o pavillón da Malata vendo como as gladiadoras ferrolás desafiaban a un imperio e conseguían poñer o primeiro triunfo ante un dos cocos da tempada nuns playoff nas que o Movistar Estudiantes tamén sorprendeu, superando ao Casademont Zaragoza por 74-69, e a punto estivo o IDK de sumarse á festa e dá a badalada ante un Valencia que se salvou no último cuarto por un axustado 59-60, mentres que o Spar Girona non quixo desgustos e impúxose a domicilio ao Jairis por 50-60.
Saíu o Baxi moi enchufado no primeiro cuarto nunha tarde moi animada con “speaker” incluído e un pavillón case cheo. As ferrolás levaron a batuta liderados por unha inspirada Julie Pospisilova, que estaba a ser un auténtico pesadelo para as salmantinas. O marcador dominábano as locais cun 15-7, pero un parcial de 0-6 levábaas a deixar o resultado moi apertado de 15-13 ao final do primeiro período.
No segundo cuarto melloraron aínda máis as cousas, o Baxi deu un paso á fronte e comezou a afastarse no marcador, obrigando ás rivais para solicitar tempo morto para deter a sangría que estaban a provocar Gala Mestres e Rachel Howard. Co público levando polo aire ás súas, as ferrolás mostrábanse superiores na pista e continuaban abrindo lixeiramente a brecha, aínda que o Perfumerías Avenida mantíñase aí con andanadas que non permitían nin unha pequena relaxación ás de Lino López. Ao final o encontro chegou ao descanso co Baxi vencendo por 33-26 cun parcial de de 18-13 neste segundo cuarto, liderando a clasificación de anotadoras Gala Mestres, Rachel Howard e Julie Pospisilova con sete puntos, os mesmos que a visitante Leonor Rodríguez.
Non entrou ben o Baxi no inicio do terceiro cuarto, que tras tres ataques errados, viu como as rivais levaban un 0-6 no marcador e poñíanse a tan só uno por baixo. Ángela Mataix conseguía anotar baixo canastra a primeira das locais para volver conectar novamente ao equipo, que de novo tomaban as rendas do partido e comezaban a afastarse lixeiramente no marcador. O bo balance defensivo das de Lino López provocou que o Perfumerías Avenida consumise a súa posesión en dous ataques, provocando o delirio do público local, que convertían ao pavillón da Malata nunha pota a presión. Ao final o Baxi seguiría por diante por terceiro cuarto consecutivo cun marcador de 47-41 con parcial de 14-15 con Gala Mestres como máxima anotadora con 14 puntos e Leonor Rodríguez con 11 para as visitantes.
O último cuarto empezou co Baxi Ferrol metendo un parcial de 4-0, levantando Claudia Soriano á xente das súas butacas tras un roubo e percorrer a pista completamente soa para poñer ao ferrolás dez puntos arriba con sete minutos por diante. De novo o público veu arriba cun gran bloqueo de Kalin a dous rivais para deixar a Claudia Soriano camiño libre para meter outros dous puntos. No seguinte ataque e sobre a bucina ao final da posesión Jessica Féquière anotou un triplazo que deixaba ao Baxi con trece de vantaxe. O Perfumerías Avenida non conseguía achegarse no marcador e poñer en apertos ao conxunto ferrolán que terminaría vencendo e levándose unha boa renda ao segundo encontro cun resultado de 61-49 cun parcial de 14-8 neste último período con Gala Mestres como máxima anotadora local e do partido con 17 puntos, mentres que polas visitantes foi Leonor Rodríguez con 11.
O Baxi leva así o primeiro encontro dos cuartos cunha boa renda tras realizar un auténtico partidazo que permite soñar co pase a semis, aínda que tocará sufrir na volta ante un dos favoritos como é o Perfumerías Avenida.
RESULTADO: Baxi Ferrol 61-49 Perfumerías Avenida
BAXI FERROL: Ángela Mataix (6), Claudia Soriano (11), Julie Pospisilova (7), Myah Selland (6), Marianne Kalin (2); Rachel Howard (7), Marta Gómez (0), Gala Mestres (17), Jessica Féquière (5) e Anniina Aijanen (0).
PERFUMERÍAS AVENIDA: Carter (0), Delaere (2), Olcay Çakir (5), Kone (8) e Prince (7); Leonor Rodríguez (11), Silvia Domínguez (7), Vilaro (0), Laura Gil (7) e Hatar (2).
CUARTOS: 15-13; 33-26 (18-13); 47-41 (14-15); 61-49 (14-8).
ÁRBITROS: Carlos Javier García León, Igor Esteve Malmierca e Jaime Gómez Luque. Sinalaron 17 faltas a favor das ferrolás e 18 en contra.
INCIDENCIAS: Partido correspondente aos cuartos de final da Liga Feminina Endesa celebrado no Pavillón de A Malata.