As ferrolás quedaron ás portas de remontar no último cuarto e caeron por 83-91 ante o Spar Gran Canaria.
O Baxi Ferrol chegaba á 24ª xornada querendo volver á senda da vitoria tras a derrota na pasada xornada no derbi galego. As ferrolás saíron co quinteto formado por Ángela Mataix, Rachel Howard, Marta Gómez, Myah Selland e Marianne Kalin, mentres que por parte das canarias estaban na cancha Davis, Washington, Alnatas, Fall e Ndour.
O encontro comezou con Howard anotando a primeira do partido e Washington respondendo por partida dobre. A partir de aí, moita igualdade, sen un claro dominador no marcador ata a entrada de Julie Pospisilova que revolucionou o partido a favor dos intereses do conxunto ferrolán desde a liña de tres con dous triplos. O conxunto canario, aínda así, destacando a figura de Washington, que estaba a ser a principal ameaza das visitantes. O primeiro cuarto finalizaría cun axustado 18-16.
O segundo período arrincou con dominio das canarias, que pronto lle deron a volta ao marcador lideradas por Fall dominando baixo canastra. O Baxi Ferrol reaccionou de inmediato e con varios ataques frutíferos, logrou recuperar a vantaxe e mesmo marcharse ata a once puntos de vantaxe. O partido parecía que ía romper ante o bo despregamento ofensivo das ferrolás, pero o Spar Gran Canaria ofrecería unha das súas mellores versións, e da man de Ndour e Fall, conseguirían reducir a vantaxe e mesmo poñerse catro arriba a falta dun minuto e medio para a conclusión do cuarto. Finalmente o partido marcharíase ao descanso cun resultado de 43-49, sendo Gala Mestres a máxima anotadora das locais con 12 puntos e Washington e Ndour das visitantes con 13 puntos cada unha.
Tras o paso por vestiarios, empezou moi frío o Baxi Ferrol o terceiro cuarto, cun parcial de 0-6 nos dous primeiros minutos, obrigando a Lino a solicitar un tempo morto para dar instrucións ás súas pupilas e tratar de provocar un cambio na dinámica de xogo. Tras unha nova canastra das canarias, Gala Mestres faría a primeira para as ferrolás, aínda que as locais seguían sen entrar no partido chegados ao ecuador do terceiro período e víanse a 21 puntos por baixo no marcador. O Baxi conseguía anotar desde a liña de tiros libres por obra de Féquière, Mataix e Selland, e cun triplo posterior de Soriano e unha nova canastra de Féquière, conseguían meter presión ás rivais reducindo a vantaxe a 15 puntos, o que daba moita vida ás ferrolás nos dous últimos minutos do período. Pero de novo a situación volveu torcerse e tres canastras consecutivas do Spar Gran Canaria apagaban a reacción do Baxi co resultado de 56-78.
O último cuarto empezou con canastra visitante con Davis como protagonista, que mesmo tivo a oportunidade de sumar o tiro libre adicional, pero fallou. Respondeu Rachel Howard entrando ata canastra para facer os dous primeiros para as ferrolás. Co paso dos minutos, o Baxi foi sacando a relucir a súa mellor versión, mostrando moita efectividade ofensiva e solidez defensiva que levaron ás de Lino a poñerse 8 puntos abaixo. O público viña arriba e empuxaba ás súas, indo Howard á liña de tiros libres e anotando outros dous que achegaba aínda máis ao Baxi no marcador. O partido estaba moi aberto, con cinco puntos abaixo as ferrolás a falta de minuto e medio para o final, pero o Spar Gran Canaria conseguiría reaccionar nos instantes finais, levándose o partido por 83-91. Gala Mestres foi a máxima anotadora local con 24 puntos polos 26 de Washington para as canarias.
Con esta derrota, o Baxi encadeou a segunda consecutiva e na próximo xornada tocaralle visitar ao pechacancelas da liga Feminina Endesa, Embutidos Pajariel Bembibre.
RESULTADO: Baxi Ferrol 83-91 Spar Gran Canaria
BAXI FERROL: Ángela Mataix (6), Rachel Howard (14), Marta Gómez (0), Myah Selland (6) e Marianne Kalin (0); Gala Mestres (24), Jessica Féquière (9), Julie Pospisilova (11), Claudia Soriano (13) e Anniina Aijanen (0).
SPAR GRAN CANARIA: Davis (8), Washington (26), Alnatas (8), Fall (9) e Ndour (24); Ujevic (0) e Loville (16).
CUARTOS: 18-16; 43-49 (25-33); 56-78 (13-29); 83-91 (27-13).
ÁRBITROS: Igor Esteve Malmierca, Ariadna Chueca Moreno e Jordi Domingo Vilalta. Sinalaron 20 faltas a favor das ferrolás e 21 en contra.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 24ª xornada da Liga Feminina Endesa celebrado no Pavillón de A Malata.