O Baxi Ferrol levou a vitoria na gran noite de Moira Joiner e Claire Melia

O Baxi Ferrol levou unha merecida vitoria por 67-54 ante o Movistar Estudiantes, selando o segundo triunfo consecutivo e cunha gran noite dunhas inspiradas Claire Melia, con 17 puntos, e Moira Joiner, con 18.

A noite do sábado o Pavillón da Malata volveu lucir os decorados da liga Feminina Endesa con motivo da undécima xornada na que se medirían o Baxi Ferrol e o Movistar Estudiantes nun duelo no que ambos os conxuntos chegaban con boas sensacións tras obter unha vitoria cada un no anterior encontro ligueiro. Ademais, os equipos presentaban varias novidades, sendo por parte das ferrolás a marcha de Mimi Collins, mentres que na escuadra madrileña chegaba á fronte do banco Nacho Martínez tras a saída de David Gallego.

O Baxi Ferrol arrincou o encontro co quinteto formado por Ángela Mataix, Blanca Millán, Moira Joiner, Gala Mestres e Claire Melia , mentres que na escuadra madrileña dirixida por Nacho Martínez, que debutaba á fronte do banco tras a marcha de David Gallego, formaba con Ángela Salvadores, Liliana Banaszak, Alexandra Sharp, Gracia Alonso de Armiño e Juana Camilión.

O primeiro cuarto mostrou a mellor cara do Baxi Ferrol, un equipo intenso, efectivo en ataque, sólido en defensa e que levaba a voz cantante. Claire Melia converteuse no pesadelo das madrileñas, dominando coa súa poderío baixo o aro e sendo letal en cada internada cara a canastra. O Baxi crecía no seu xogo interior, pero cando o Estudiantes trataba de pechar a zona, aparecían as figuras de Julie Pospisilova e Gala Mestres para facer dano co xogo exterior. As de Lino López mantiñan baixo control aos seus rivais e íanse distanciando no marcador ata pechar o primeiro acto cun 22-12.

O segundo cuarto arrincou cun Baxi máis fallón en ataque e as rivais crecíanse cun parcial 0-6. Jori Davis cortaba a sangría anotadora das madrileñas anotando un 2+1 que espertaba ás ferrolás, sumando outros dous Carlota desde a liña de tiros libres. Esta reacción das de Lino López apagaba brevemente ás visitantes e a continuación Jori Davis protagonizaría a xogada do partido cun canastón tras un bonito reverso ante o seu rival e anotar a aro pasado. Tras iso, os dous equipos estiveron pouco acertados para a canastra, aínda que nos últimos minutos do segundo período o Movistar Estudiantes comezou a achegarse no marcador, finalizando a dous puntos por baixo, 31-29, tras recortar 8 dos 10 puntos de vantaxe do primeiro acto.

Tras o paso por vestiarios o terceiro acto comezou co Movistar Estudiantes igualando a contenda cunha canastra pisando a liña de tres de Gracia Alonso de Armiño. Claire Melia devolvería a vantaxe ao Baxi Ferrol anotando unha tripla marca da casa e demostrando que é unha máis das súas grandes virtudes. O partido estaba moi parello con varios intercambios de canastras, pero o Baxi comezou a subir as revolucións  e a distanciarse no marcador, levando a poñerse con 10 de vantaxe, aínda que tres tiros libres recudía a distancia e pechaba o cuarto co resultado de 46-39.

O último cuarto presentouse con todo aberto, cun Baxi que buscaba matar o partido e un Estudiantes que quería volver meterse na loita. Nos primeiros minutos daba a sensación de que as ferrolás matarían o partido cunha inspirada Moira Joiner, pero chegados ao ecuador do último acto, varios fallos e perdas en ataque, sumado ao acerto das visitantes, propiciaron que todo seguise no aire, coas de Lino López dominando o electrónico catro arriba. Unha vez máis a irlandesa Claire Melia apareceu para facerse forte baixo aro e sumar de dous, e na seguinte xogada a capitá Ángela Mataix puxo outros dous puntos no marcador que obrigaron a Nacho Martínez a solicitar tempo morto. Tras a continuación o Baxi seguía ao seu, anotando cada ataque liderados por unha gran Moira Joiner (18 puntos) e Claire Melia (17 puntos), finalizando o encontro coa segunda vitoria consecutiva das ferrolás co resultado de 67-54.

RESULTADO: Baxi Ferrol 67-54 Movistar Estudiantes

BAXI FERROL: Ángela Mataix (9), Blanca Millán (5), Moira Joiner (18), Gala Mestres (5) e Claire Melia (17); Noa Morro (0), Alba Sánchez-Ramos (0), Carlota Menéndez (2), Julie Pospisilova (6) e Jori Davis (5).

MOVISTAR ESTUDIANTES: Ángela Salvadores (12), Alexandra Sharp (4), Gracia Alonso (3), Liliana Aleksandra Banaszak (9) e Juana Camilión (9); Frieda Bühner (0), Isabel Latorre (7), Seehia Ridard (5) e Kristina Topuzovic (5).

CUARTOS: 22-12; 31-29 (9-17); 46-39 (15-10); 67-54 (21-15).

ÁRBITROS: Rodrigo Palanca Page, María Ángeles García Crespo e Israel Chacón Blázquez. Sinalaron 32 faltas, 17 a favor do Baxi Ferrol e 15 en contra.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á quinta xornada da Liga Feminina Endesa celebrado no Pavillón de A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas