O Baxi Ferrol non entende de cansazos e apúntase unha épica e traballada vitoria sobre a bucina no derbi ante un Durán Maquinaria Ensino por 61-59 con Gala Mestres protagonizando a última xogada do partido.
A noite do venres o Pavillón da Malata converteuse nunha pota a presión para vivir o apaixonante derbi galego da quinta xornada da Liga Feminina Endesa. Un encontro que non chegaba exento de polémica polo desacordo entre os dous clubs para cambiar a data do encontro tras a semana intensa das ferrolás coa súa viaxe a terras turcas e apenas un día de descanso antes de enfundarse a indumentaria do campionato nacional. As de Lino López, décimas na liga e cun balance de dúas vitorias e dúas derrotas, chegaban cun subidón de autoestima tras unha semana con dobrete de triunfos ante o Hozono Global Jairis e o Galatasaray. Presentaban as dúbidas de Gala Mestres, entre algodóns, e Julie Pospisilova, tras sufrir unha pequena fisura nasal no duelo ante as turcas, pero finalmente tanto a española como a checa puideron xogar. En fronte recibían ao Durán Maquinaria Ensino que acumulaba un refacho de tres derrotas consecutivas na liga cun balance de 1-3 que as relegaban ao décimo terceiro posto da clasificación, aínda que cunha bagaxe positiva nos dous enfrontamentos que tiveron en pretemporada contra o Baxi Ferrol nos que se impuxeron no amigable e na Copa Galicia.
Lino López formou o quinteto inicial con Ángela Mataix, Alba Sánchez-Ramos, Moira Joiner, Julie Pospisilova e Mimi Collins, mentres que Antonio Pernas saíu con Claudia Soriano, Rachel Howard, Cecilia Muhate, Alexy Mollenhauer e Lydia Giomi. O partido arrincou con moita presión da afección en cada ataque do Ensino, que anotaba a primeira canastra do partido por parte de Muhate tras capturar un rebote ofensivo e tras varios fallos do Baxi, chegábanse a poñer 6 arriba. Entrou moi frío o Baxi nos primeiros minutos, con varias perdas nos pases e pouca intensidade defensiva, anotando os primeiros 5 puntos desde a liña de tiros libres. Vendo este mal momento que atravesaba o equipo, Lino López solicitou tempo morto para dar instrucións ás súas, pero o Baxi non era capaz de reducir a distancia e finalizaban o primeiro acto do partido con 12-18 favorable ao Ensino, sendo Claire Melia con cinco puntos, a máxima anotadora local, mentres que Soriano e Howard lideraban ás súas tamén con cinco cada unha.
O segundo cuarto arrincou como o primeiro, co Ensino anotando a primeira, sendo esta vez desde a liña de tiros libres con Garfella metendo un dos dous lanzamentos. O Baxi cambaleábase, talvez acusando o cansazo tras a semana intensa, e o conxunto lucense aproveitaba a situación para poñer terra polo medio e marcharse 12 arriba nos primeiros minutos de xogo do segundo período. Gala Mestres acendía a chama da esperanza cun canastón e tras replicar Féquière cun 2+1, a propia Gala anotaba un triplo seguido dunha canastra de Carlota. A partir de aí, intercambio de golpes entre os dous conxuntos, marchándose o Ensino aos vestiarios cunha vantaxe de +8 cun resultado de 26-34 no electrónico. Gala Mestres era agora a máxima anotadora das ferrolás con 7 puntos e por parte do Ensino dominaba o cuarteto formado por Soriano, Howard, Féquière e Castedo con 5 para cada unha.
O descanso veulle como anel ao dedo ao Baxi Ferrol, que como o ave fénix, rexurdía das cinzas e mostraba a súa mellor versión para ir reducindo a vantaxe ata poñerse dúas abaixo co público totalmente entregado ás locais, ata que a falta de dous minutos para finalizar este acto, Julie Pospisilova puxo a todo o pavillón en pé cun triplo para poñer por diante ás ferrolás por primeira vez en todo o partido cun de vantaxe. O Ensino lograba poñerse novamente por diante con Castedo anotando dous tiros libres tras unha falta persoal de Blanca Millán a 30 segundos do final do cuarto, pero Claire Melia, mostrando o seu poderío baixo taboleiro, sumaba outros dous cos que finalizaba o penúltimo acto con vantaxe do Baxi por 44-43. Pospisilova e Joiner dominaban o apartado anotador das locais con 8 puntos para cada unha, os mesmos que Howard para as súas.
O partido estaba moi aberto no último cuarto, arrincando cun triplo de Gala Mestres, pero o Ensino repúxose moi pronto e cunha boa reacción lograba darlle a volta ao marcador. As intensas defensas dos dous conxuntos propiciaban que os marcadores apenas se alterasen, mantendo o visitantes tres puntos de vantaxe sobre as locais ata que con 30 segundos por xogarse, o Baxi conseguía igualar a contenda cunha boa canastra de Gala Mestres. O Ensino atacaba e non lograba meter, pero tiñan novamente a posesión cun saque de fondo. A intensa defensa ferrolá propiciaba que se esgotase a posesión das lucenses e no contraataque Gala Mestres sacaba o seu fusil para obrar o milagre e anotar sobre a bucina, dándolle a vitoria ao Baxi Ferrol por 61-59 nunha semana dourada para o conxunto da cidade naval. A propia Gala foi a máxima anotadora das locais e do partido con 14 puntos, polos 12 obtidos por Muhate para as visitantes.
O Baxi Ferrol pecha así unha semana intensa de partidos, nos que aprobou con matrícula de honra, e que seguindo por este camiño, pode dar moito de que falar esta tempada. A próxima cita das de Lino López terá lugar na sexta xornada da Liga Feminina Endesa, na que visitarán ao conxunto vasco do Lointek Gernika Bizkaia tras o parón por seleccións, o 14 de novembro ás 20:00 horas.
RESULTADO: Baxi Ferrol 61-59 Durán Maquinaria Ensino
BAXI FERROL: Ángela Mataix (5), Alba Sánchez-Ramos (3), Moira Joiner (8), Julie Pospisilova (8) e Mimi Collins (5); Gala Mestres (14), Claire Melia (9), Blanca Millán (2), Carlota Menéndez (2), Jori Davis (0) e Noa Morro (5).
DURÁN MAQUINARIA ENSINO: Claudia Soriano (7), Rachel Howard (8), Cecilia Muhate (12), Alexy Mollenhauer (2) e Lydia Giomi (5); Esther Castedo (7), María Bettencourt (2), Elba Garfella (5), Jessica Féquière (11) e Bea Sánchez (0).
CUARTOS: 12-18; 26-34 (14-16); 44-43 (18-9); 61-59 (17-16).
ÁRBITROS: Juan P. Morales García-Alcaide, Josep María Olivares Bernabéu e Aitor Gómez Hernández. Sinalaron 33 faltas, 18 a favor do Baxi Ferrol e 15 en contra.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á quinta xornada da Liga Feminina Endesa celebrado no Pavillón de A Malata.