O conxunto ferrolán sumou a cuarta vitoria da tempada tras vencer con dúas prórrogas ao combativo Embutidos Pajariel Bembibre por 75-67.
As de Lino López saíron no Pavillón A Malata co obxectivo de buscar unha nova vitoria, e aínda que chegou, non o puxo nada fácil o Embutidos Pajariel. As ferrolás saíron co quinteto conformado por Ángela Mataix, Rachel Howard, Marta Gómez, Myah Selland e Marianne Kalin, mentres que o Bembibre saíu con Rivers, Toussaint, Kroselj, Balogun e Garraud.
O partido arrincou coas visitantes demostrando que a súa posición tan abaixo na táboa clasificatoria non lles fai xustiza. Cunha gran porcentaxe anotadora liderado por Rivers e Balogun, e unido á escasa efectividade ofensiva das locais nos primeiros minutos, o Embutidos Pajariel Bembibre chegou a ter unha vantaxe de 2-20 que facía presaxiar o peor. A entrada de Julie Pospisilova deu aire ás ferrolás, que con varios triplos logrou recortar a distancia e meterse no partido cun resultado de 14-22 no primeiro cuarto.
No segundo cuarto as locais apertaban e cando parecía que lograrían remontar, novamente abría unha leve brecha o conxunto visitante. A partir de aí, intercambio de canastras entre os dous conxuntos que finalizaba co resultado 30-38, índose os dous equipos aos vestiarios coa mesma distancia do primeiro cuarto, a 8 puntos e cun parcial igualado de 16-16.
Tras o descanso, o Baxi ofreceu unha das súas grandes versións, con moita solidez defensiva que provocaba o desacerto en ataque dos seus rivais e permitía ás de Lino López achegarse no marcador aos poucos. Aínda que o Baxi non logrou poñerse por diante do encontro, conseguiu empatar o partido 47-47 cun parcial de 17-9 e deixando todo aberto para o últimos dez minutos de partido.
No último cuarto os dous equipos ofrecían as súas mellores versións en ataque e en defensa. O Embutidos Pajariel Bembibre levaba lixeiramente a vantaxe, pero o Baxi Ferrol impedía que se marchasen no marcador, forzando a prórroga tras uns lanzamentos de tiros libres no que Ángela Mataix mete o primeiro, non anota no segundo cunha xogada estratéxica e captura o rebote para anotar o empate e forzar os minutos extras cun igualado 60-60 co parcial de 13-13.
Co público totalmente entregado animando ás ferrolás e presionando en cada ataque ás rivais, o Baxi apertaba tratando de levar o gato á auga, pero as visitantes resistían e a primeira prórroga servía de tenteo entre os dous conxuntos empatando 64-64 e forzando xogarse outros cinco minutos. Nesta segunda prórroga o Baxi Ferrol sacou as súas garras e impúxose con claridade por 75-67 cun parcial de 11-3, conquistando así o cuarto triunfo na liga Feminina Endesa. Julie Pospisilova foi a máxima anotadora do Baxi Ferrol con 20 puntos e Lydia Rivers do Embutidos Pajariel Bembibre con 22.
Na próxima xornada da Liga Feminina Endesa, as de Lino López visitarán o Pavillón Príncipe Felipe para medirse ao Casademont Zaragoza.
RESULTADO: Baxi Ferrol 75-67 Embutidos Pajariel Bembibre
BAXI FERROL: Ángela Mataix (11), Rachel Howard (9), Marta Gómez (0), Myah Selland (6) e Marianne Kalin (1); Julie Pospisilova (20), Claudia Soriano (0), Gala Mestres (19), Jessica Féquière (5) e Anniina Aijanen (4).
EMBUTIDOS PAJARIEL BEMBIBRE: Rivers (22), Toussaint (9), Kroselj (11), Balogun (15) e Garraud (5); Senicar (2), Aina Martín (3), Soeiro (0) e Laia Moya (0).
CUARTOS: 14-22; 30-38 (16-16); 47-47 (17-9); 60-60 (13-13); 1ª prórroga 64-64 (4-4); 2ª prórroga 75-67 (11-3).
ÁRBITROS: Daniel Checa Nebot, Jesús Marcos Martínez Prada e Andrea Alejo Sánchez. Sinalaron 37 faltas, 16 a favor do Baxi Ferrol e 21 en contra.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á sexta xornada da Liga Endesa Feminina celebrado no Pavillón de A Malata.