O BBCA supera ao Celtas Foz cunha traballada vitoria

Complicadísimo partido o que sacou adiante o conxunto ferrolán o sábado no Javier Gómez Noya ante un correúdo Foz que puxo ao límite aos locais, que xogaban o último partido do ano ante a súa afección e acadaban a vitoria por 66-57.

O Costa Ártabra recuperaba a Adrián para este choque, pero continúa coa enfermería chea. O partido empezaba moi ben para os ártabros cunha férrea defensa que anulaba aos da Mariña e o ataque fluía con moita solvencia. O 19-4 ao final do cuarto facía presumir un paseo para os do BBCA, pero nada máis lonxe da realidade, o equipo de Foz sitúase nunha zona que bloquea por completo aos locais, incapaces de atopar situacións vantaxosas para atacala, perdendo innumerables balóns, colapsan e o 6-19 en contra leva ao descanso a ambas as escuadras cun 25-23 no electrónico e todo por decidir.

Tras pasar por vestiarios, o Costa Ártabra mellora, empeza a solucionar os seus problemas en ataque, pero o equipo visitante vive o seu mellor momento ofensivo, moi efectivo neste momento de partido desde a longa distancia. O marcador sitúase en 42-44 ao final do terceiro período.

O último cuarto desata aos ferroláns. Fisicamente chegan mais enteiros ao momento decisivo do partido e o balón empeza a circular con fluidez, atopando sempre algunha opción liberada de tiro, que acompañado de máis acerto, conseguen romper con total solvencia a zona rival. O parcial deste cuarto, 24-13, deixaba o partido visto para sentenza e a anhelada vitoria quedaba na casa.

Xogaron e anotaron polo Costa Ártabra: Sande (3), Unai (4), Isma (19), André (3) e Diatta (14) – cinco inicial – Rivas (4), Paulo (0), Jorge (5), Adrián (4), David González (10).

Info e foto: BBCA

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas