O conxunto ferrolán alzouse coa vitoria ante a escuadra vasca grazas a un gran último cuarto no que remontaron para impoñerse con claridade por 71-57, sumando a quinta vitoria da tempada e a segunda consecutiva.
O Baxi afrontou na tarde de onte un novo reto no Pavillón da Malata con motivo da décima xornada da Liga Feminina Endesa recibindo ao Lointek Gernika Bizkaia, cos dous equipos en busca de equilibrar a balanza tras catro vitorias e cinco derrotas.
O Baxi pechaba o primeiro cuarto por detrás no marcador cun 15-18 ante un Lointek Gernika que logrou impoñer o seu ritmo no ecuador do primeiro acto. As ferrolás empezaron con boa intensidade, lideradas por unha Lay Daniels que demostraba o seu dominio baixo o aro, pero as visitantes, con Bessoir á cabeza, atoparon vías de anotación con maior fluidez, tomando un pequeno impulso que as de Lino López souberon contrarrestar nos minutos finais ata axustar o marcador con tres abaixo.
O segundo cuarto mantivo a mesma tónica de igualdade que deixou o primeiro, cun Baxi Ferrol moito máis asentado e o seu xogo e un conxunto vasco que continuaba respondendo golpe por golpe. As de Lino López, coa defensa máis axustada, conseguían frear algunhas das transicións dos seus rivais, mentres que en ataque comezaron a atopar mellores lecturas, especialmente apoiadas polo bo acerto de Joiner e Erjavec nos seus lanzamentos. Con todo, o Lointek Gernika non afrouxou e conseguía soster a mínima vantaxe, marchándose ao descanso co marcador favorable por 32-36.
O terceiro cuarto supuxo un gran momento para o Baxi no que ía de partido. Cunha defensa máis sólida e coordinada, o conxunto local logrou frear as penetracións e os tiros liberados que o Lointek Gernika aproveitara nos dous primeiros períodos. As axudas chegaban máis rápidas e o rebote defensivo pechouse con máis determinación, provocando que as visitantes se sentisen máis incómodas en ataque. As locais conseguían poñerse por diante no marcador co poderío ofensivo de Lay Daniels e Moira Joiner, logrando unha pequena vantaxe. As vascas comezaron a reaccionar nos minutos finais e un triplo de Jankovic volvía poñelas á fronte do marcador, pero dous libres anotados por Melia asinaba as táboas por 46-46.
No último cuarto chegou a explosión definitiva do Baxi, liderado cunha sensacional Joiner en ataque e un poderío colectivo en defensa. O equipo, coa súa máxima intensidade, atopou a claridade ofensiva que botara en falta nalgúns tramos do partido, e cun ritmo máis alto e maior determinación, as locais foron ampliando a vantaxe no marcador. Co apoio da afección en cada canastra, o equipo de Lino voaba sobre a pista, comezaba a entrar todo o que se lanzaba e conseguían pechar unha traballada vitoria por 71-57 ante un duro rival, sumando así o quinto triunfo da tempada.
Foto: sadmoody241
RESULTADO: Baxi Ferrol 71-57 Lointek Gernika Bizkaia
BAXI FERROL: Moira Joiner (19), Karla Erjavec (5), Ine Joris (3), Blanca Millán (3) e Lay Daniels (14); Claire Melia (5), Elena Rodríguez (6), Clementine Samson (5), Karolina Sotolova (6) e Alba Sánchez-Ramos (5).
LOINTEK GERNIKA BIZKAIA: Ane Olaeta (6), Emily Bessoir (10), Joy Adams (19), Esther Matarranz (3) e Esther Castedo (4); Sarah Luise Polleros (4), Laura Westerik (2) e Masa Jankovic (9).
CUARTOS: 15-18; 32-36 (17-18); 46-46 (14-10); 71-57 (25-11)
ÁRBITROS: Germán Morales Ruiz, Jaime Gómez Luque e Miquel Remisa Tramúns. Sinalaron 18 faltas a favor do Baxi e 16 en contra.
INCIDENCIAS: Décima xornada da Liga Feminina Endesa celebrada no Pavillón de A Malata.




