O CDM Piragüismo Dumbría foi o gran vencedor da Copa Galega de Promoción de Slalom, disputada o pasado sábado no Campo de Slalom de O Couquiño, no río Xallas, nunha tarde con moito público e na que finalmente o tempo respectou o desenvolvemento da proba.
O club local dominou a clasificación por equipos con 223 puntos, claramente por diante do Club de Montaña e Piragüismo Quixós, segundo con 185 puntos, e do Club Deportivo Miño Os Teixugos, terceiro con 135.
A vitoria por clubes estivo acompañada de varios resultados individuais para o equipo dumbriés. En C1 infantil feminino, Carmen Llaría conseguiu a segunda posición, mentres que Clara Mancebo completou o podio cunha terceira praza. As dúas deportistas repetiron presenza no caixón en K1 infantil feminino, con Clara segunda e Carmen terceira. Outros dos resultados para o club chegou na categoría K1 benxamín masculino, onde Mauro Montero Castro conseguiu a segunda posición e Lucas Alves Santiago completou o podio na terceira posición. Tamén subiu ao podio Yara Lado Lal, como terceira clasificada en K1 alevín feminino.
A competición estivo marcada por un caudal escaso na primeira manga no río Xallas, que mellorou de cara á segunda baixada, permitindo aos participantes afrontar o tramo en mellores condicións.
AGORA, A GRAN CITA: O CAMPIONATO GALEGO
A vitoria por clubes conseguida en O Couquiño, xunto cos podios individuais acadados e a progresión mostrada polos deportistas durante a tempada, permite ao club afrontar o Campionato Galego con confianza e coa ambición de revalidar o título acadado o pasado ano.
Desde o CDM Piragüismo Dumbría agradecen finalmente a colaboración do Concello de Dumbría na organización da proba e de Xeal, pola súa achega do caudal necesario para facer posible a celebración da competición no Campo de Slalom de O Couquiño.
Info e foto: CDM Piragüismo Dumbría




