Un total de 15 deportistas carballeses desprazáronse ata Cantabria para participar na primeira edición desta competición.
O Club Sysca pechou a primeira edición do Campionato de España Estival de Praia cun excelente balance, xa que os seus deportistas acadaron un total de sete medallas. A praia de Ris, en Noja (Cantabria), reuniu durante a pasada fin de semana a algúns dos mellores socorristas do panorama estatal. Ademais dos metais conseguidos, o conxunto carballés rematou na sexta posición da clasificación xeral da competición.
A expedición do Sysca estivo formada por un total de 15 deportistas das categorías xuvenil, júnior e absoluta: Antía Cousillas, Icía Velasco, Marta Eirís, Lluc Pensado, Mateo Castelo, Aroa Sequeiro, Sara Puñal, Brais Pensado, Noah Quintela, Kevin Pallas, Álvaro Lavandeira, Paula Amado, Samuel Quintela, Anxo López e Hugo Martínez. Todos eles estiveron acompañados polo seu adestrador, David Orgeira.
Na categoría xuvenil, Lluc Pensado fíxose con dúas medallas, ao proclamarse campión de España na proba de carreira con táboa e subcampión na carreira con ski. Ademais, sumou un cuarto posto na proba de ocean. Pola súa banda, Mateo Castelo logrou situarse entre os mellores na carreira con ski ao finalizar en oitava posición.
Xa na categoría júnior, Brais Pensado conquistou dous ouros, na carreira con ski e no ocean, e unha prata na carreira con táboa. Tamén conseguiu un ouro Noah Quintela, neste caso na proba de sprint, ao que engadiu un cuarto posto na outra proba de area, as bandeiras. Tamén contribuíron con resultados destacados para o equipo Sara Puñal (5ª en ocean, 8ª en nadar surf e 10ª en carreira con ski), Kevin Pallas (4º en sprint e 8º en bandeiras), Aroa Sequeiro (7ª en bandeiras) e Álvaro Lavandeira (10º en nadar surf).
No que respecta á categoría absoluta, un dos nomes máis destacados foi o de Samuel Quintela, quen se fixo coa prata na proba de sprint e quedou ás portas do podio nas bandeiras ao rematar cuarto. A mesma sorte correu Paula Amado na mesma proba, xa que tamén finalizou na cuarta posición, ademais de ser novena no sprint. Así mesmo, Anxo López, no seu primeiro ano na categoría, logrou ser décimo tanto en nadar surf como na proba de ocean.
Por outra banda, esta fin de semana o Club Sysca afronta unha nova competición nacional, novamente en Cantabria. Trátase do Campionato de España das categorías infantil e cadete, que se celebrará na praia da Salvé, en Laredo, do venres 24 ao domingo 26 de xullo. Nesta cita, os carballeses contarán cun total de 17 deportistas entre ambas as categorías.
Info e foto: Club Sysca




