Os deportistas infantís, cadetes, xuvenís, júnior e absolutos participaron durante a fin de semana nos seus respectivos campionatos autonómicos.
O Club Sysca afrontou unha frenética fin de semana coa disputa dos campionatos galegos das distintas categorías. A praia do Orzán reuniu entre o venres e o domingo a preto de 60 representantes do conxunto carballés, así como a deportistas procedentes de diferentes puntos de Galicia. Mentres que os xuvenís e os júnior subiron ao máis alto do podio, tanto os infantís e os cadetes como os absolutos remataron en segunda posición. Uns resultados que reforzan a posición do Sysca como un dos mellores equipos a nivel autonómico.
Os infantís competiron durante toda a xornada do sábado, mentres que o domingo foi a quenda dos cadetes. Na categoría infantil, unha das máis destacadas foi Belén Puñal, quen rematou a competición con dúas pratas. Ademais, Ada Quintela e Yerai Fabián fixéronse ambos cun bronce en bandeiras. Nas probas por equipos, a remuda masculina asinou unha gran actuación e conseguiu un ouro, unha prata e dous bronces. Pola súa banda, a remuda feminina acadou unha prata, igual que a remuda mixta.
No que atinxe aos cadetes, os mellores resultados individuais chegaron nas probas de area. Na categoría feminina, Mara Cotelo rematou segunda en sprint e terceira en bandeiras. Xa na masculina, Leo Vega proclamouse campión galego de bandeiras e Izán Novo conseguiu dúas pratas, tanto en sprint como en bandeiras. Nas probas colectivas, os rapaces impuxéronse na remuda de sprint. Tanto o conxunto masculino como o feminino acadaron o bronce na remuda de tubo.
Pola súa parte, os deportistas xuvenís e júnior disputaron o seu campionato galego durante toda a xornada do venres e a mañá do sábado. Nos xuvenís, Lluc Pensado foi un dos máis destacados ao lograr dous ouros, unha prata e un bronce. Tamén levou un ouro para a casa Mateo Pallas, ao que sumou outra medalla de prata. Ademais, Mateo Castelo, cunha prata e dous bronces; Antía Cousillas, cunha prata; e Marta Eirís e Ana Ézara, cun bronce cada unha, tamén obtiveron medalla de forma individual. Por equipos, a remuda masculina pechou o campionato con cinco ouros e un bronce, mentres que a feminina conseguiu un ouro, unha prata e un bronce. Na remuda mixta, o Sysca rematou en segunda posición.
Os júnior tampouco quedaron atrás en canto a éxitos. Na categoría feminina sobresaíu Sara Puñal, con dous ouros, unha prata e un bronce, mentres que na masculina o fixeron Brais Pensado e Noah Quintela, con tres e dous ouros, respectivamente. Tamén subiu nunha ocasión ao máis alto do podio Álvaro Lavandeira, ademais de lograr dous bronces noutras probas. Pola súa parte, tanto Aroa Sequeiro como Kevin Pallas finalizaron a súa participación cunha prata e un bronce cada un. Nas remudas, o conxunto masculino levou catro ouros e dous bronces, e o feminino conseguiu dous ouros, unha prata e dous bronces. Na remuda mixta, os carballeses coroáronse campións autonómicos.
O sábado pola tarde e o domingo foi a quenda dos absolutos. A pesar de competir xa no campionato da súa categoría, Brais Pensado e Noah Quintela tamén participaron nesta competición. Ambos volveron subir ao podio: Brais conseguiu un ouro e un bronce, mentres que Noah logrou un ouro. Non foron os únicos en obter medallas nas probas individuais. Anxo López e Paula Amado, cun ouro e unha prata cada un, así como Samuel Quintela, cunha prata e un bronce, viron recompensada a súa boa actuación. No apartado colectivo, os rapaces culminaron a competición cun ouro e catro pratas, mentres que o equipo feminino o fixo con dúas pratas e tres bronces. Os carballeses remataron a remuda mixta na segunda praza.
Rematados os campionatos autonómicos, a actividade non cesa para o Sysca. Esta fin de semana, 15 dos seus deportistas xuvenís, júnior e absolutos desprázanse ata a praia de Ris, en Noja (Cantabria), para participar no I Campionato de España e Open Estival de Praia, que se disputará ao longo do sábado 18 e do domingo 19 de xullo.
Info e foto: Club Sysca




