O Parrulo comeza o 2024 con derrota

Dura derrota en casa por 3-6 de O Parrulo ante o Inagroup El Ejido no primeiro partido do ano.

O Parrulo arrincaba o 2024 afrontando a 15ª xornada da Segunda División Fútbol sala en busca dunha vitoria nun encontro no que Hélder disputaría os seus primeiros minutos tras a súa volta ao equipo e que presentaba as baixas de Adri por lesión e de Pedro. Os cinco elixidos por Gallego para o quinteto inicial foron Coro, Helder, Rubén Orzáez, Novoa e Keita, mentres que por parte de José Escrich formaron Manolo, Josete, Juanan, Peña e Beto.

O partido comezou con moito ritmo, cun Inagroup El Ejido moi ofensivo utilizando a Manolo como quinto xogador nos ataques. O Parrulo mantiña o tipo e os visitantes poñían a proba a un tempo con algún disparo lejanoque o porteiro local rexeitaba sen dificultades. Os ferroláns respondían cunha boa contra na que Aitor non lograba sumar o primeiro por moi pouco tras sacar a defensa o disparo. Tiveron outra boa nunha arrancada de Novoa pola banda que deixaba atrás ao seu marcador cun cambio de ritmo, pasaba a Keita, pero o seu disparo marchábase fóra. Os de Gallego estaban a gozar de bos minutos e noutra xogada individual, esta vez con Aitor como protagonista, o seu disparo íase desviado a saque de esquina tras rexeitar Manolo baixo paus. Con estes dous avisos claros, á terceira chegou a vencida cando unha internada pola banda esquerda de Domingos terminou cun pase cruzado que remataba Álex Moñino cara adentro no segundo pau.

A pesar do bo momento dos ferroláns sobre a pista, o Inagroup O Ejjido empataría o encontro poucos minutos despois. Evaristo entraba pola banda esquerda e enviaba un pase raso cruzado que empuxaba no segundo pau Mendive para poñer as táboas no marcador. Os de José Escrich rozaron o segundo cando Josete encaraba a un tempo e remataba cruzado, pero o gardameta sacaba unha boa man para evitar o tanto.

Os minutos transcorrían sen un claro dominador e daba a sensación de que calquera dos dous conxuntos podería levar a vantaxe, aínda que sería O Parrulo quen levase o gato á auga a falta de catro segundos para irnos ao descanso. Rubén Orzáez elaboraba unha boa xogada individual na que roubaba o balón, recortaba e disparaba por raso cara a portería, chegando Rumbo para metelo de tacón por baixo das pernas de Manolo. Con este tanto, o partido chegaba ao final da primeira parte cos ferroláns vencendo por 2-1.

A segunda iniciou co Inagroup El Ejido dominando o xogo presionando moi arriba a saída dos locais. Aitor tería unha oportunidade nun disparo desde fóra da área, pero topábase con Manolo. Na seguinte xogada os de Escrich igualaban o encontro cando un disparo saía rexeitado e golpeaba en Coro, anotando en propia portería.

Os ferroláns reaccionaron pronto e volveron poñerse por diante grazas a un tanto de Rubén Orzáez que se marchou pola banda esquerda, encarou a Manolo e superouno cun disparo a media altura axustado ao pau afastado. O partido estaba moi dinámico e o Inagroup El Ejido volvería poñer as táboas no marcador cun disparo de Juanan desde a frontal da área que se coou por baixo das pernas de Coro. O partido continuaba e minutos despois os visitantes poñeríanse por diante tras unha perda de Domingos ante Cerviño, que avanzaba ata a frontal da área e soltaba un lategazo que se marchaba á escuadra da portería defendida por Coro.

O partido estaba de ida e volta, con oportunidades en ambas as porterías. Tan intenso estaba, que os dous conxuntos estaban con catro faltas os locais e cinco os visitantes con dez minutos aínda por xogarse. Novoa tivo un par de oportunidades con disparos afastados, pero o primeiro marchóuselle fóra por pouco e o segundo atallouno Manolo. Evaristo tamén tivo unha boa cun potente disparo desde o centro da pista que se estrelou no traveseiro.

A falta de catro minutos O Parrulo saíu con todo a por o empate con Keita exercendo de porteiro-xogador, pero a pesar da superioridade numérica, serían os visitantes os que sacarían proveito roubando un balón e anotando Mendive de lonxe. De novo os de Escrich volverían marcar nunha xogada similar á anterior tras recuperar o balón Mendive e marcar desde o seu campo por raso.

Co resultado de 3-6, o partido chegaría ao seu fin cunha dura derrota en casa no primeiro partido do 2024 correspondente á 15ª xornada.

O PARRULO: Coro, Helder, Rubén Orzáez, Novoa e Keita; tamén xogaron Aitor, Álex Moñino, Negro, Domingos e Iván Rumbo.

INAGROUP EL EJIDO: Manolo, Josete, Juanan, Peña e Beto; tamé xogaron David, Evaristo, Mendive, Benslama e Cerviño.

GOLES: 1-0 Álex Moñino (10′), 1-1 Mendive (12′), 2-1 Iván Rumbo (19′), 2-2 Coro (22′ en propia), 3-2 Rubén Orzáez (23′), 3-3 Juanan (24′), 3-4 Cerviño (27′), 3-5 Mendive (37′) e 3-6 Mendive (38′).

ÁRBITROS: Ignacio Del Olmo Martínez, Óscar Gómez Merino, Ander Orbegozo Cantón (3º) e Clara Díez Gil (cronometradora). Amoestaron ao local Coro e aos visitantes Evaristo e Juanan.

INCIDENCIAS: Partido da 15ª xornada da Segunda División Fútbol Sala celebrado no pavillón A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas