O Parrulo cae en casa 7-8 ante o Sala 5 Martorell nun partido no que os locais perderon a dous xogadores por expulsión e cun posible penalti a favor non sinalado nos últimos segundos do encontro.
Comezou forte O Parrulo o encontro presionando e no segundo minuto en xogo Adri avisaba cun forte disparo que rexeitaba a defensa rival. Pero dous minutos despois, Adri lanzaba unha falta e no rexeite, volvía a disparar e Rubén Orzáez remataba no segundo pao para facer o 1-0.
O propio Orzáez avisaría uns minutos despois picando o balón nun man a man con Imad, pero o balón marchaba alto. O Martorell buscaba o empate e gozaría de varias ocasións nas que Coro realizaría grandes intervencións.
Iván Rumbo sería expulsado no ecuador da primeira parte tras ver o segundo cartón amarelo por un mal saque de banda. Os visitantes envorcáronse nos minutos de superioridade numérica, pero non lograron aproveitalo..
Pau empataría o encontro no 12’ tras un gran pase de Oussama e superar a Coro por abaixo. Adri gozaría de dous dobres penaltis, pero no primeiro Imad revolvería cunha gran parada e o segundo golpearía no poste.
Os visitantes poñeríanse por diante tras superar Panés picando o balón por encima de Coro, pero O Parrulo poñeríase de novo por diante tras dous golazos desde fóra da área, o primeiro de Adri e despois por medio de Kevin Chis, chegando ao descanso con 3-2.
No inicio da segunda metade, O Parrulo volvería a marcar tras xogada de estratexia que remataba Pedro. O Parrulo marcaba o 5-2 por medio de Wilson Francia, pero ao haber un xogador rival mancado no chan, o equipo local deixaría meter o 5-3 a Oussama.
A expulsión por dobre amarela de Hélder deixaba aos locais cun menos e os visitantes aproveitarían a ocasión para acortar distancias cun forte disparo de Oussama e empatar o encontro novamente con gol de Oussama.
Con igualdade numérica, O Parrulo volvería a poñerse por diante por medio de Rubén Orzáez cunha bonita xogada individual e posterior disparo ao que nada puido facer Imad.
Cos rivais buscando o empate e co porteiro-xogador, O Parrulo roubaba o balón e Turbi lograba o 7-5, pero o Martorell non baixaba os brazos e marcaría Bermusell superando no man a man a Coro e posteriormente Castro empataba cun potente disparo desde lonxe.
Cando o partido estaba para rematar con empate, unha polémica xogada na que os locais reclamaron penalti acababa cun disparo de Oussama desde a súa área que acababa en gol e o Martorell levaba a vitoria.
RESULTADO: O Parrulo Ferrol 7-8 Sala 5 Martorell
O PARRULO: Coro, Hélder, Adri, Rubén Orzáez e Kevin Chis; tamén xogaron Iván Rumbo, Wilson Francia, Charly, Pedro, Keita e Turbi.
SALA 5 MARTORELL: Imad, Oussama, Ibai, Panés e Pau; tamén xogaron Viedma, Ferru, Pavel, Castro e Bermusell.
GOLES: 1-0 Rubén Orzáez (4’), 1-1 Pau (12’), 1-2 Panés (18’), 2-2 Adri (18’), 3-2 Kevin Chis (19’), 4-2 Pedro (21’), 5-2 Wilson Francia (22’), 5-3 Oussama (22’), 5-4 Oussama (33’), 5-5 Oussama (33’), 6-5 Rubén Orzáez (34’), 7-5 Turbi (37’), 7-6 Bermusell (38’), 7-7 Castro (39’) e 7-8 Bermusell (39’).
ÁRBITROS: Ignacio del Olmo e David Fernández (Comité de Madrid). Expulsaron ao local Iván Rumbo por dobre amarela e a Hélder e amoestaron a Álex Regueira e ao delegado local Manel e aos visitantes Oussama, Panés e Ibai.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 12ª xornada da Segunda División no pavillón de A Malata.