O Bergantiños non logrou sumar puntos tras a derrota sufrida ante o Zamora por 1-3 en As Eiroas.
O Bergan de José Luis Lemos esperaba en As Eiroas ao Zamora de Iago Iglesias coa ambición de seguir sumando en liga e colocarse en posicións máis tranquilas na clasificación. Os “rojillos” viñan de sumar 4 puntos nos dous últimos partidos con vitoria en As Eiroas ante o Ourense 1-0 e empate en Langreo 1-1 ocupando o posto 13°. Pola súa banda, os zamoranos tamén chegaban moi fortes despois de sumar 10 puntos de 12 en xogo nos seus catro últimos encontros disputados con 3 vitorias e 1 empate e en posición (5°) de Playoff ascenso.
O partido disputouse nun magnífico día en Carballo para gozar dunha espléndida mañá de fútbol en As Eiroas cunha boa entrada.
O equipo zamorano empezou dominando o partido con ocasións de perigo de Manu Viana e Marc Caballé no primeiro cuarto de hora de encontro. A partir do minuto 20’, o Bergantiños foi asentándose timidamente no partido e no 25’ unha falta lanzada polo seu capitán Agulló foi desviada polo porteiro visitante Iricibar.
A partir do minuto 30’ o Zamora colleu de novo as rendas do partido presionando as saídas do Bergan e facéndose coa posesión ata o descanso.
Ao comezo da segunda parte, Lemos cambiou a Espeso e Pombais por Meixus e Quindimil e en minuto 48 chegaba o gol do Zamora cun disparo de Viana de lonxe que bateu a Canedo.
Os locais Adri e Charly armaron unha xogada que este último fallou. O Bergan tocaba e tocaba o esférico con disparos a portería do propio Charly e Uzal. Insistía o Bergan ante a área rival e á saída dun córner lanzado por Boedo, Agulló, de cabeza, marcaba e empataba o partido no 68’.
Pacheco e Remeseiro saíron e entraron Iván Garrido e Dani Pedrosa que lle deron máis fortaleza ao ataque dos locais que dominaban o partido, pero no 80’ recuperaba o Zamora o balón e nunha xogada por banda, Pana marcaba o 1-2. Dous minutos despois, o Bergantiños tería un penalti a favor que lanzaría Agulló, pero Iricibar deteríao.
Finalmente, o Zamora no 85’ elaboraría outra gran xogada por banda que terminaría en gol de Ibán Ribeiro, que poñía no marcador o definitivo 1-3. O Bergantiños tentouno ata o asubío final, sen lograr o premio.
Na próxima xornada, o Bergan visitará ao Guijuelo.