O PARRULO FERROL: Eliminado da Copa con honra

O Parrulo Ferrol quedou eliminado con honra da Copa do Rei ante o Jaén Paraíso Interior, cuarto clasificado da Primeira Federación, por 2-5 e tras deixar moi boa imaxe.

Nos primeiros minutos do encontro os visitantes levaron o protagonismo do xogo, probando disparos desde fóra da área por parte de Renato, Mati Rosa e César, aínda que pouco a pouco, comezaban a chegar con perigo os locais cunha boa xogada de Pedro e que Renato cortou antes de que Kevin Chis puidese rematar, e novamente o propio Kevin estaba preto de marcar tras unha boa xogada de Charly e que Espíndola lograba rexeitar.

A pesar do nivelado que estaba o partido, os visitantes marcarían aos 8 minutos por medio de Mati Rosa rematando no segundo pao un bo pase lateral e un penalti no minuto 12 daríalle aos visitantes o 0-2 ao transformalo Chino.

O Parrulo non baixaría os brazos e gozaría de oportunidades por parte de Charly e Kevin, pero de novo os visitantes volverían a marcar, logrando o 0-3 Michel tras roubar un balón. Con este marcador, chegaríamos ao descanso.

No segundo tempo, o Jaén volvería a golpear no primeiro minuto por medio de Menzeguez que tería un man a man con Álex Regueira e tras regatealo, anotaría o 0-4, e minutos despois, no 31, César marcaría o quinto nunha xogada parecida ao cuarto.

O Parrulo envorcouse en ataque, encerrando aos rivais e Charly tivo unha boa ocasión nunha gran xogada individual na que sentou a dous rivais e Manu lograría deter cunha gran intervención.

Os locais lograrían marcar o 1-5 por medio de Kanika no minuto 36 tras un bo disparo ao segundo pao e tan só un minuto despois, Keita marcaría un golazo tras picar o balón por encima de Manu no 37’.

Co público animando sen parar, os visitantes non lograban dominar o xogo e Keita remataría ao traveseiro cun bo cabezazo tras centro de Pansi.

Ao final, 2-5 nun gran partido dos de Marrube, que caeron na cuarta rolda coa cabeza ben alta tras competir de ti a ti co cuarto clasificado da Primeira Federación.

RESULTADO: O Parrulo Ferrol 2-5 Jaén Paraíso Interior

O PARRULO: Álex Regueira, Iván Rumbo, Wilson Francia, Hélder e Kanika; tamén xogaron Rubén Orzáez, Kevin Chis, Pedro, Charly, Keita, Pansi, Turbi e Coro.

JAÉN PARAÍSO INTERIOR: Espíndola, Menzeguez, Alan Brandi, Chino e Taborda; tamén xogaron Mati Rosa, César, Renato, Michel, Nem e Attos.

GOLES: 0-1 Mati Rosa (8’), 0-2 Chino (12’ penalti), 0-3 Michel (15’), 0-4 Menzeguez (21’), 0-5 César (31’), 1-5 Kanika (36’) e 2-5 Keita (37’).

ÁRBITROS: Diego Gallo e Rubén Hevia (Comité asturiano). Amoestaron ao segundo adestrador dos locais, Melo.

INCIDENCIAS: Partido correspondente á cuarta rolda da Copa do Rei disputada ás 20:15 do 16 de novembro no Pavillón de A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas