A vitoria por 4-1 ante o CD Leganés e o empate do Unión África Ceutí co Betis «B» mantén viva a opción do conxunto ferrolán para pelexar polo playoff.
A 27ª xornada prometía moitas emocións nun duelo con moito xogo, por unha banda O Parrulo buscaba unha vitoria que lle mantivese vivo na loita por tratar de meterse no playoff, e doutra banda, o CD Leganés xogábase a vida pola permanencia. Os ferroláns recuperaban a Turbi e Pansi, pero eran baixa Moñino e Coro, apostando Nacho García polo quinteto formado por Regueira, Novoa, Adri, Hélder e Domingos, mentres que Álvaro Breña saíu con Óscar, Manu García, Álex Fuentes, Dani Colorado e Chicho.
Nos primeiros minutos levou a batuta o Leganés, presionando moi arriba para dificultar a saída de balón dos ferroláns e probando a Regueira con disparos desde media e longa distancia sen inquietar demasiado. Pero O Parrulo foi quen golpeou primeiro cando nunha condución dos madrileños, Novoa anticipouse a un pase, montou a contra, rematou a portería, pero atopouse con Óscar, aínda que aproveitou o rexeite para deixarlla a Rubén Orzáez para adiantar aos ferroláns.
A primeira parte ía transcorrendo e O Parrulo dominaba o encontro, mesmo dispuxo de numerosas ocasións para ampliar a vantaxe, pero entre Óscar e que moitos disparos non atopaban portería, o gol non chegaba e o partido seguía moi aberto. O curto do resultado provocou que a falta de tres minutos o Leganés viñese arriba e comezase a roldar a portería de Regueira, obrigando ao gardameta para realizar algunha que outra intervención.
O partido chegou ao descanso cun O Parrulo que foi superior na pista no primeiros vinte minutos e que se ía aos vestiarios cun tanto de vantaxe grazas ao gol de Rubén Orzáez ante un CD Leganés que dispuxo dalgunha ocasión clara nos minutos finais para igualar o encontro e topouse cun gran Regueira baixo paus.
A segunda parte arrincou igual que a primeira, co Leganés apertando moi arriba e O Parrulo tratando de saír da presión. Os ferroláns buscaban a posesión e atopar algún oco por onde facer dano, pero non lograba ameazar a portería defendida por Óscar. Nunha contra do Leganés, os visitantes igualarían o partido tras dispoñer de varios rexeites dentro da área e que finalmente metería Charly.
O tanto provocou a reacción dos de Nacho García, que se envorcaron ao ataque e encerraron ao rival. Nun disparo desde a frontal, Óscar despexa coa man desde fóra da área, o que lle supuxo a expulsión e tras o saque de falta O Parrulo volvería poñer por diante ao sacar Adri a falta, disparar Novoa e tras capturar o rexeite, deixa para que Aitor empuxe no segundo pau. O tanto local foi un xerro de auga fría para os visitantes, que viron como dous minutos despois, os ferroláns volverían marcar tras meterse Colorado o gol en propia.
Álvaro Breña optou por saír con Chicho como porteiro-xogador en busca dun tanto que lles volvese a meter no partido. Os rivais lanzáronse con todo ao ataque, pero foi Hélder quen roldou o cuarto cando nun roubo disparou desde o seu campo marchándose a pelota lambendo o poste da portería rival. O que non ía fallar sería Adri a falta de trinta segundos para a conclusión do encontro nun saque rápido de Regueira para que Adri, totalmente só, marcase a pracer o cuarto.
Co resultado de 4-1 o partido chegou ao seu fin con O Parrulo sumando os tres puntos e aproveitando o empate do Unión África Ceutí ante o Betis «B» para recortar puntos e manter as opcións vivas de pelexar polos postos de playoff.
O PARRULO: Regueira, Novoa, Adri, Hélder e Domingos; tamén xogaron Rubén Orzáez, Iván Rumbo, Keita, Aitor, Turbi, Francini e Negro.
CD LEGANÉS: Óscar, Manu García, Álex Fuentes, Dani Colorado e Chicho; tamén xogaron Javi, Juanma, Charly, Miguel, Bertín, Pedro, Diz e Alejandro Ramos.
GOLES: 1-0 Rubén Orzáez (3′), 1-1 Charly (27′), 2-1 Aitor (31′), 3-1 Dani Colorado (33′ en propia) e 4-1 Adri (40′).
ÁRBITROS: Marcos Cazorla Pérez e Jesús Montero Galan. Amoestaron ao local Rubén Orźaez e ao visitante Dani Colorado, ademais de expulsar a Óscar.
INCIDENCIAS: Partido da 27ª xornada da Segunda División Fútbol Sala celebrado no pavillón A Malata.