O Parrulo volveu á senda da vitoria tras golear ao Betis

Os ferroláns lograron os tres puntos tras un gran partido no que golearon por 6-2 ao Real Betis Futsal «B» no día que, ademais, supuxo a volta de Adri ás pistas tras superar a súa lesión, anotando o sexto tanto.

O Parrulo afrontou unha nova xornada na que unha das grandes noticias do día era a volta do eterno capitán Adri tras superar a lesión que lle mantivo afastado da cancha durante varios meses e nun día no que os de Nacho García tiñan por diante un importante partido no que unha vitoria seguiríalles dando vida na loita por entrar nos postos de playoff e para iso recibían a un Real Betis Futsal «B» moi necesitado de puntos para escapar da zona de descenso.

Os cinco de inicio elixidos por Nacho García foron Coro, Hélder, Novoa, Domingos e Keita, mentres que por parte dos béticos, Domingo Ramírez apostou co quinteto formado por Souviron, Mariano, Gonzalo Santacruz, Nil e Pablo Muñoz.

Saíu eléctrico O Parrulo nos primeiros minutos, movendo rápido o balón e en busca de adiantarse ante un Betis máis conservador. Keita mandou un serio aviso nunha xogada individual, recortando ao seu marcador e disparando ao poste que cubría Souviron, que lograba rexeitar. Novoa tentouno pouco despois cun remate acrobático que non atopou portería.

Os ferroláns estaban a dominar e nunha boa xogada colectiva rozaron o primeiro, pero o disparo cruzado de Orzáez marchouse rozando o poste. Os minutos pasaban e cando case estabamos ao ecuador do primeiro tempo, chegaría o primeiro dos locais nunha xogada de Novoa na que tira a porta de lonxe, Souviron rexeita e Keita caza o rebote para recortar e anotar.

Os de Nacho García tiveron o segundo cando nunha xogada dos béticos na que Souviron subía a pelota, pérdea ante Novoa e dispara raso e forte por abaixo, pero a defensa conseguía rexeitar baixo paus. Co paso dos minutos e o axustado do marcador, os andaluces subían a intensidade e comezaban a xerar ocasións, logrando intervir Coro en dúas ocasións despexando co pé, pero sería O Parrulo quen volvese a golpear cando Hélder, aguantando de costas o balón baixo a presión do defensor, vai gañando metros ata virarse na frontal da área e soltar un lategazo raso que facía o segundo para os locais.

O Betis tentaba apertar antes de chegar ao descanso e reducir distancia, e tivo unha moi boa nas botas do seu gardameta cun disparo desde media cancha que ía á escuadra e que Coro despexou con solvencia. Respondeu rápido O Parrulo cunha dobre oportunidade, primeiro cun tiro cruzado de Aitor que despexa Souviron e posteriormente nun saque de esquina que remata Novoa de primeiras e rexeita a defensa.

O partido marchábase ao descanso co 2-0 no marcador nunha primeira parte na que O Parrulo foi claro dominador do primeiros vinte minutos ante un rival que tivo poucas chegadas, aínda que con perigo, ao arco defendido por Coro.

Tras o paso polos vestiarios e nada máis renovarse o encontro, Aitor facía o terceiro para os ferroláns. Os béticos saían co gardameta para presionar, perdían o balón e o xogador de O Parrulo marcaba a pracer desde o seu campo. Os de Nacho García seguían ao mesmo ritmo que no primeiro tempo e volverían atoparse co gol tras un pase de banda a banda cara a Novoa que remataba para facer o cuarto.

Aitor rozou o quinto no que sería un auténtico golazo disparando desde o seu campo e que Souviron lograba despexar a saque de esquina cunha boa man no último momento. O Parrulo estaba a gustarse e seguía xerando ocasións, primeiro Rubén Orźaez nun man a man tras un pase de tacón de Keita e que rexeita o porteiro e posteriormente nun man a man de Turbi co balón botando e o seu disparo marchouse por encima da portería bética.

Co resultado tan avultado e sen nada que perder, o Betis saíu con Bernal como porteiro-xogador e encerrar aos ferroláns, que se defendían moi sólidos e non concedían moitas ocasións. Nun dos ataques, O Parrulo roubaba o balón e Rubén Orzáez marcaba desde o seu campo o quinto da noite.

O conxunto visitante seguía buscando o primeiro e atoparon o premio tras unha xogada embarullada dentro da área e que Pablo Cendán caza un rebote e supera a un tempo cun forte disparo dentro da área. Con este gol, o Betis viña arriba e lograban ver portería novamente cun disparo desde a liña de fondo e sen ángulo que se coa entre Coro e o primeiro pau.

A pesar dos dous tantos, O Parrulo sacudiuse os posibles nervios co sexto tanto obra do gran capitán e mago do balón, Adri, que se reencontraba co gol tras quince partidos de ausencia. O partido estaba roto nos minutos finais, cos visitantes arriscando co porteiro-xogador e os locais buscando os roubos de balón e disparos de longa distancia. Santa Cruz tivo o terceiro, pero o seu lategazo pegaba na cruceta con tanta forza que saía repelido cara ao poste contrario.

O marcador xa non se volvería a mover e O Parrulo levaría os tres puntos nun encontro en que foron moi superiores e deixaron moi boas sensacións. Na próxima xornada visitarán ao Playas de Castellón, pechacancelas da clasificación.

O PARRULO: Coro, Hélder, Novoa, Domingos e Keita; tamén xogaron Aitor, Rubén Orzáez, Turbi, Álex Moñino, Adri, Iván Rumbo e Negro.

REAL BETIS FUTSAL «B»: Souviron, Mariano, Gonzalo Santacruz, Nil e Pablo Muñoz; tamén xogaron Álex Mendoza, Bernal, Pablo Cendán, Iván Gemes e Cabañas.

GOLES: 1-0 Keita (9′), 2-0 Hélder (14′), 3-0 Aitor (20′), 4-0 Novoa (24′), 5-0 Rubén Orzáez (32′), 5-1 Pablo Cendán (35′), 5-2 Pablo Muñoz (37′) e 6-2 Adri (38′).

ÁRBITROS: Adrián Calleja Rubio e Gael García Schmitt. Amoestaron aos visitante Santacruz, Cabañas e Domingo Ramírez (adestrador).

INCIDENCIAS: Partido da 24ª xornada da Segunda División Fútbol Sala celebrado no pavillón A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Lucho: “A clave é a confianza”

O centrocampista de corte defensivo do Galicia de Mugardos, Luis Dopico Martínez (Ferrol, 2003), coñecido como Lucho, formouse nas categorías inferiores do Racing e tras